A disposición xudicial o home detido por provocar o accidente en Barro no que morreu unha moza

As investigacións apuntan a que se tratou dunha colisión provocada polo arrestado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2022 | Actualizada ás 10:29

Comparte esta noticia

O home detido como presunto autor dun delito de homicidio por provocar un accidente no municipio pontevedrés de Barro o pasado xoves, 17 de marzo, no que unha moza de 29 anos faleceu ao día seguinte polas lesións de gravidade sufridas, foi posto este luns a disposición xudicial.

Segundo informaron a Europa Press fontes da Garda Civil, o detido foi trasladado ao xulgado de Caldas de Reis para pasar a disposición xudicial a partir das 10,00 horas deste luns.

Tras o accidente, que consistiu nunha colisión frontolateral entre dous vehículos, fíxose cargo das pescudas o equipo de Atestados da Garda Civil. A medida que avanzou a investigación, detectáronse certas circunstancias que fixeron que o caso pasase á Policía Xudicial. Así, en base a esas pescudas, detívose ao home que chocara contra o vehículo da moza como presunto autor dun delito de homicidio.

As investigacións apuntan a que se tratou dunha colisión provocada polo arrestado. Fontes consultadas por Europa Press explicaron que tanto a moza de 29 anos como o home detido eran veciños de Barro, que non tiveran unha relación e podía tratarse dun suposto caso de acoso.

ACCIDENTE

Segundo informou o 112, o accidente tivo lugar ás 9,30 horas do pasado xoves na estrada N-550, en Barro. Como consecuencia do impacto, a muller sufriu lesións graves e necesitou a axuda dos bombeiros para poder saír do vehículo.

Os efectivos do parque comarcal de Bombeiros de Ribadumia colaboraron co equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para extraer á ferida, que estaba inconsciente. O 061 enviou unha ambulancia de soporte vital avanzado que levou ao Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo, á muller J.M.I., de 29 anos, e outra de soporte vital básico que trasladou a outra persoa ferida ao Quirón Domínguez en Pontevedra.

Axentes da Garda Civil
Axentes da Garda Civil | Fonte: Ministerio do Interior.

INVESTIGACIÓN

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, aclarou este luns que a investigación determinará se "hai algo máis detrás" do sinistro. "Imos ver como vai a investigación. Agora mesmo, o que temos é un accidente de tráfico, e que se está investigando como homicidio doloso neste caso", manifestou o delegado do Goberno.

Por iso, insistiu en esperar "o que resulte desa investigación e de todos os datos que se soliciten". E lembrou que é o propio Ministerio de Igualdade "quen decide se foi un caso de violencia machista ou de violencia de xénero" e, en caso de ser así, "farase o oportuno trámite".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta