Denuncian o "desleixo intolerable" da Xunta ante o estado do Hospital Psiquiátrico de Conxo

O Movemento Galego da Saúde Mental pide "intención e firmeza" para "rachar a fenda" de desigualdade, violencias e paternalismo na atención en saúde mental.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2022 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O informe anual 2021 do Defensor do Pobo que vén de presentarse no Congreso dos Deputados recolle as queixas do Movemento Galego da Saúde Mental pola "actitude obstaculizadora" do Hospital Psiquiátrico de Conxo ao desenvolvemento de informes sobre o tratamento das persoas ingresadas no centro. Unha actitude que, segundo o movemento, forma parte dunha "estratexia máis xeral e continuada" da Xunta de Galicia de "minimización e mesmo negación das conclusións do informe de MNP", que se suma á "dilación nas medidas de solución" e á "falta de responsabilización última do que ten que ver con vulneración de dereitos fundamentais", expón.

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.
Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.

Nun contexto de "vulneración de dereitos ás persoas con diagnóstico psiquiátrico ingresadas en centros sanitarios de Galicia", MNP pon o foco no Hospital Psiquiátrico de Conxo, que está na palestra pública dende que o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura visitara as instalacións no 2017. "Nese informe sinalouse a carencia xeral de recursos asistenciais para a súa adecuada atención, a súa insuficiente protección tutelar, o estado deplorable das instalacións, inadecuadas condicións residenciais, o inadecuado rexistro e documentación das actuacións e funcionamento, e a utilización da contención mecánica como castigo e a probable utilización de psicofármacos como instrumentos de suxeición química", explica o Movemento Galego pola Saúde Mental. 

Fronte a este primeiro informe, o Sergas "restou valor ao contido" e indicou que é "incompleto". "Unha resposta vergoñenta", denuncia o movemento. Catro anos máis tarde, en xullo do 2021, o MNP volvou realizar unha visita para facer unha análise desde o enfoque de xénero e realizar un seguimento. De novo, salientan o estado de deterioro significativo no edificio, un protocolo de prevención de suicidios non acorde ao contexto residencial, a utilización de medidas coercitivas como contencións mecánicas, a ausencia de rexistros específicos, falta de privacidade ou un sistema de tutelado público ineficaz.

 

No que respecta ao enfoque de xénero, a análise deixou, segundo o movemento, un panorama "desolador" en canto á igualdade efectiva e non discriminación por razón do xénero, con "diferenzas entre homes e mulleres en tempo de ingreso e nas posibilidades de alta", ademais dunha "división estereotipada de tarefas" ou a "non garantía dos dereitos sexuais e reprodutivos". O Sergas, segundo o movemento, reduciu a nova valoración do MNP a “casos puntais”.

 

"URXEN MEDIDAS"

 

Ante o que entenden como un "desleixo intolerable" por parte da Xunta, desde o Movemento da Saúde Mental denuncian que "a responsabilidade final na actitude de desprezo da labor que realiza o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura está no Consello da Xunta de Galicia". Ademais, engaden que "calquera acción que se realice nos próximos tempos para intentar minimizar a gravidade que denunciamos é unha solución en falso que non arrinca as raíces da discriminación e violencias ás persoas psiquiatrizadas".

 

Tampouco o fará, sinalan, unha "suposta aprobación de Lei de saúde mental", que "pase a engrosar os papeis que se acumulan nos caixóns de San Caetano". Por iso, piden "intención e firmeza" para "rachar a fenda" de desigualdade, violencias e paternalismo na atención en saúde mental. "O dereito das persoas a sermos tratadas con dignidade, respecto e de forma segura, con independencia das nosas condicións de saúde física e mental, é unha cuestión que no ámbito da psiquiatría semella estar moi lonxe de ser un dereito efectivo", sentenza o movemento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta