BNG e PSdeG critican a Feijóo por utilizar o Parlamento galego como se fora o "Senado"

Critican que acuda á Cámara para "poñerlle deberes ao Goberno do Estado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2022 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición, BNG e PSdeG, afearon ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "use" o Parlamento de Galicia para "a súa proxección" como fututo líder do PP. "Isto non é o Senado", reprocháronlle Ana Pontón e Luís Álvarez, sucesivamente, nas súas quendas de intervención. 

Imaxe do Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA
Imaxe do Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA

"Se isto fose o Senado, o BNG non podería falar porque non ten representación", replicoulle Feijóo na súa segunda quenda da intervención, despois de que nacionalistas e socialistas reprobasen o discurso que levou Feijóo á Cámara, que acolleu este martes a súa comparecencia tras ser aceptada a petición urxente.

"Esta cámara é o Parlamento de Galicia, non é o Senado. Dígolle isto porque despois de tantos días de campaña interna do PP, igual pensa que é un mitin e desde logo os galegos non están para os seus mitins", censurou Pontón.

Luís Álvarez recriminoulle que aceptase a comparecencia para "pór deberes ao Goberno do Estado", e tras mostrar a súa "alegría" de velo na Cámara galega, tras "varias semanas percorrendo España", compartiu con Pontón que tivo que verificar que non presidía o hemiciclo Meritxell Batet. De feito, o deputado socialista subliñou que a comparecencia "non era froito da casualidade", senón que "por desgraza emprega o Parlamento de Galicia para a súa proxección" persoal.

"Desde logo os galegos non se merecen isto,  que non sexa capaz de estar á altura de Galicia nin no tempo de desconto", reprochoulle Pontón, na súa intervención.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta