O BNG reclama a Defensa que retire toda a simboloxía franquista en Galicia

Considera que o anuncio do Ministerio de cambiar os nomes franquistas do Arsenal Militar de Ferrol é "claramente insuficiente".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/03/2022 | Actualizada ás 19:27

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Nestor Rego, demandou ao Ministerio de Defensa cumprir coa Lei de Memoria Histórica e retirar toda a simboloxía franquista que segue presente en distintos inmobles pertencentes a este departamento.

Escudo e simboloxía franquista
Escudo e simboloxía franquista | Fonte: PV

O Bloque lembra que, xunto a colectivos memorialistas, leva anos reclamando ao Executivo que se adopten as medidas necesarias para a retirada dos escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións de exaltación da sublevación militar e mesmo da represión da ditadura para dar cumprimento á lexislación vixente.

Ademais, refírese ao anuncio do Ministerio de cambiar os nomes franquistas do Arsenal Militar de Ferrol e sostén que se trata dun "primeiro paso" pero "claramente insuficiente". "Queda aínda moita outra simboloxía franquista que o Ministerio segue sen retirar", apunta.

Entre outros, pide a eliminación do escudo franquista localizado no cuartel Sánchez Aguilera e a "simboloxía presente na igrexa castrense de San Francisco e, en especial, a placa con referencia ao bautismo de Francisco Franco Bahamonde".

O Bloque lembra que tamén se segue mantendo o nome da residencia de estudantes 'Tenente Xeral Barroso', situada en Santiago, ou que continúa sen ser corrixida a información que ofrece o Museo Histórico Militar da Coruña que "obvia" realidades históricas relativas a Francisco Franco, ao Marqués de Cavalcanti, José Luís Romero Corral ou a Sergio Peñamaría Chairo, sen citar a ditadura nin a implicación dos mesmos nela.

"É responsabilidade do Ministerio cumprir co mandato legal e iniciar o procedemento pertinente para proceder á eliminación de toda a simboloxía franquista", sinala o deputado nacionalista, que sostén que "non pode seguir ignorando as denuncias que reclaman o cumprimento desta obrigación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta