Por X.M. Fernández | Verín | 24/03/2022 | Actualizada ás 09:00
Baixo o suxestivo título de “Verín de Verín” dáse a coñecer a nova creación literaria de Xosé Carlos Caneiro, unha obra que recolle diferentes relatos de variadas historias cun eixo común, Verín.
O vindeiro 29 de marzo, ás 20:00 horas, o Auditorio municipal de Verín acollerá a presentación do libro, e xunto a el estarán no acto: Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Gerardo Seoane, alcalde de Verín, e o cantautor Emilio Rúa. Este último, animo persoal e compañeiro seu nalgún proxecto artístico-cultural, amenizará a xornada con música en directo. Esta presentación estaba programada para o 22 de decembro do pasado 2021 pero daquela non se puidera celebrar por motivos persoais do propio autor.
A OBRA E A EDITORIAL
“Verín de Verín” é o primeiro libro da colección da nova editorial Conmar Editora,co desexo de publicar obras en diferentes formatos que teñen como guía a calidade literaria. A obra contén textos de Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963), no que o humor e a vila natal do escritor son o seu fío condutor, cun amplo elenco de personaxes como centro narrativo.
O libro toma como fundamento o particular, o pequeno, para intentar convertelo en xeral ou universal. Partir do “Nós” (co noso diferenciado modo de ser e a nosa retranca) para debuxar situacións de fino humor que poidan chegar a calquera parte do mundo.
Dende Conmar Editora cren que "nunca foi máis necesaria a capacidade de facer rir ás persoas. Saímos ou estamos a saír dun episodio funesto que a maioría de nós pensamos que nunca podería acontecernos. Pasamos pola dor, a tristeza, a ansiedade e o abatemento dos seres humanos. Esta admonición da tristeza notouse, tamén, en institutos, universidades e centros de ensino en xeral. Aí pretendemos levar a obra de Xosé Carlos Caneiro, coa súa presenza e coa lectura deste libro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.