Galicia non baixa dos 2.000 contaxiados covid diarios e con hospitalizados en ascenso

Seis novas vítimas elevan a 3.186 as vítimas da pandemia en Galicia, que segue cun 11% de taxa de positividade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/03/2022 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

Galicia mantense desde hai unha semana por encima dos 2.000 novos contaxios diarios, tras detectarse outros 2.249 --uns 40 menos que a xornada anterior--, mentres que os casos activos seguen en ascenso, con 21.256 --implican 593 máis--, así como os hospitalizados, que se incrementan a 443 --sete máis--. Polo seu lado, a taxa de positividade continúa nun 11 por cento no conxunto de Galicia.

Segundo os datos actualizados este mércores pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas do martes, recollidos por Europa Press, mantéñense 18 persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 en Galicia --sen cambios-- e ascenden a 425 as hospitalizadas en unidades convencionais --sete máis--, mentres que 20.813 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio. Hai unha semana --o mércores 16 de marzo-- había 386 hospitalizados, deles 26 en críticos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en tres das sete: A Coruña-Cee, Ferrol e Pontevedra-O Salnés; mentres que se incrementa lixeiramente nas outras catro: Ourense, Vigo, Lugo e Santiago-Barbanza. En concreto, na área da Coruña e Cee descenden a seis os pacientes Covid en UCI --un menos-- e a 86 os ingresados noutras unidades --un menos--, mentres que na de Pontevedra e O Salnés, aínda que aumentan a dous os críticos --un máis--, baixan a 40 os hospitalizados noutras unidades --tres menos--.

E na área de Ferrol, a única de toda Galicia que segue sen pacientes Covid ingresados en UCI, descenden a 38 os pacientes hospitalizados en unidades convencionais --un menos--. Por contra, a área de Vigo continúa cun paciente Covid en UCI e rexistra 70 noutras unidades --cinco máis--; mentres que a de Santiago e Barbanza segue con cinco en críticos e conta con 86 noutras unidades --cinco máis--.

No caso da de Lugo mantense unha persoa ingresada pola Covid en UCI e 46 noutras unidades --unha máis--; e na de Ourense continúan tres pacientes en críticos e hai 59 noutras unidades --unha máis--.

MÁIS DE 21.000 CASOS

Por segunda xornada consecutiva os casos activos ascenden en Galicia e sitúanse en 21.256, que supoñen 593 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (2.249) que altas (1.650), ao que se engaden seis mortes. Hai unha semana --o mércores 16 de marzo-- había 19.589 infeccións activas.

O aumento de novo é xeneralizado en seis áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á fronte (+129), seguida da de Santiago-Barbanza (+118), A Coruña e Cee (+106), Ferrol (+86), Lugo (+81) e Pontevedra e O Salnés (+70); mentres que descenden por segunda xornada seguida os casos activos unicamente na de Ourense (-1). Por tanto, con máis infeccións activas mantense a área da Coruña e Cee, con 4.474; seguida da de Vigo, con 3.955; Santiago e Barbanza, con 3.490; Lugo, con 2.553; Ourense, con 2.429; Pontevedra-O Salnés, con 2.265; e á cola segue a de Ferrol, con 1.990.

MÁIS DE 2.000 CONTAXIOS

Pola súa banda, os novos contaxios mantéñense por encima dos 2.000 desde o mércores 16 de marzo tras detectarse 2.249, que implican 41 menos que os 2.290 deste martes. Esta semana arrincou con 2.865 novos casos abertos nas últimas 24 horas. O 16 de marzo houbo 2.083.

En canto á taxa de positividade --número de PCR positivas por cada 100 realizadas-- sitúase no 11,94 por cento; tras ascender ao 11,27%o martes e comezar esta semana cunha caída ao 9,92%. Deste xeito, segue por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

FALECIDOS

As persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 3.186 despois de notificar este mércores a Consellería de Sanidade outras seis vítimas, todas elas con patoloxías previas.

O pasado 18 de marzo morreu un home de 85 anos de idade na área sanitaria da Coruña e Cee e o día 19 faleceu outro home de 84 anos na área de Vigo. Outras dúas vítimas rexistráronse o 20 de marzo, dúas mulleres de 86 e 53 anos de idade que perderon a vida nas áreas de Lugo e Ourense, respectivamente.

E o pasado 21 de marzo faleceu un home de 92 anos na área da Coruña e Cee e unha muller de 84 anos na de Vigo, segundo os óbitos notificados por Sanidade.

Cidadáns nunha zona de copas a noite que se eliminan as limitacións horarias para a hostalaría galega, a 11 de febreiro de 2022, na Coruña / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press
Cidadáns nunha zona de copas a noite que se eliminan as limitacións horarias para a hostalaría galega, a 11 de febreiro de 2022, na Coruña / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta