Repuntan a 2.557 os novos contaxios e seguen en aumento as hospitalizacións

Ascenden a 3.190 as vítimas da pandemia tras catro novos falecementos e increméntase a case o 16% a taxa de positividade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

Os novos contaxios de Covid-19 repuntaron en Galicia ata os 2.557, polo que seguen por encima dos 2.000 desde o 16 de marzo; mentres que ascenden a 22.649 os casos activos --implican 1.393 máis que a xornada anterior--, e as hospitalizacións por este coronavirus increméntanse a 448 --cinco máis--. Pola súa banda, a taxa de positividade disparouse ao 15,9 por cento no conxunto de Galicia.

Segundo os datos actualizados este xoves pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas do mércores, recollidos por Europa Press, aumentan a 23 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 en Galicia --cinco máis-- e mantéñense 425 hospitalizadas en unidades convencionais --sen cambios--, mentres que 22.201 pacientes se atopan en seguimento no seu domicilio. Hai unha semana --o xoves 17de marzo-- había 376 hospitalizados, deles 26 en críticos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en tres das sete: Vigo, Santiago-Barbanza e Lugo; mentres que aumenta nas outras catro: A Coruña-Cee, Ourense, Ferrol e Pontevedra-Salnés. En concreto, na área de Vigo aumentan a tres os pacientes Covid en UCI --dúas máis--, mentres descenden a 58 os hospitalizados noutras unidades --12 menos--; e na de Lugo segue un en críticos e baixan a 44 os ingresados noutras unidades --dúas menos--.

Na área de Santiago e Barbanza, aínda que aumentan a sete os pacientes Covid en UCI --dúas máis--, baixan a 80 os ingresados noutras unidades --seis menos--. Por contra, na da Coruña e Cee aumentan a 96 os hospitalizados en unidades convencionais --dez máis-- e seguen seis en críticos.

Polo seu lado, na área de Ourense aumentan a catro os pacientes Covid en UCI --un máis-- e a 64 os ingresados noutras unidades --cinco máis--; mentres que na de Pontevedra e O Salnés continúan dous en críticos e soben a 43 os hospitalizados noutras unidades --tres máis--. E a área Sanitaria de Ferrol mantense como a única das galegas sen pacientes ingresados en UCI pola Covid, mentres rexistra 40 hospitalizados noutras unidades --dúas máis--.

MÁIS DE 22.600 CASOS

Os casos activos ascenden por terceira xornada consecutiva en Galicia ata situarse nos 22.649, que representan 1.393 máis que a xornada anterior ao haber máis contaxios (2.557) que altas (1.160), ao que se engaden catro falecementos. Hai unha semana --o xoves 17 de marzo-- había 20.127 infeccións activas.

O incremento é xeneralizado nas sete áreas sanitarias galegas, coa da Coruña e Cee á cabeza (+298), seguida da de Vigo (+277), Santiago e Barbanza (+257), Lugo (+173), Ferrol (+147), Pontevedra e O Salnés (+131) e Ourense (+114). Deste xeito, con máis infeccións activas segue a área da Coruña e Cee, con 4.772; seguida da de Vigo, con 4.232; Santiago e Barbanza, con 3.747; Lugo, con 2.726; Ourense, con 2.543; Pontevedra-O Salnés, con 2.396; e á cola mantense a de Ferrol, con 2.137.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade este pasado martes 22 de marzo, a incidencia acumulada a 14 días en Galicia ascende a 903,49 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media estatal se reduce a 436,54.

REPUNTAN OS CONTAXIOS

Os novos contaxios seguen por encima dos 2.000 desde o mércores 16 de marzo tras detectarse 2.557, que constitúen 308 máis que os 2.249 do mércores, tras os 2.290 deste martes. Esta semana arrincou con 2.865 novos casos abertos nas últimas 24 horas. O 17 de marzo detectáronse 2.075. Por tanto, os contaxiados en Galicia aumentan a 540.007, dos cales 125.637 corresponden á área de Vigo; 112.867, á da Coruña e Cee; 85.296, á de Santiago e Barbanza; 64.775 á de Ourense; 62.088, á de Pontevedra e O Salnés; 57.123 á de Lugo; e 31.438, á de Ferrol.

Na xornada deste pasado mércores levaron a cabo 3.073 PCR, o que eleva a 3.766.874 as probas deste tipo feitas desde o inicio desta pandemia en Galicia, e 3.773 test de antígenos, que sitúan en 1.602.040 os feitos na Comunidade galega, o que constitúe 6.846 entre ambas, 731 menos que o día anterior.

En canto á taxa de positividade --número de PCR positivas por cada 100 realizadas-- repunta ao 15,9 por cento, tras situarse no 11,94% o mércores, no 11,27% o martes e comezar esta semana cunha caída ao 9,92%. Por iso, continúa por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

VÍTIMAS E CURADOS

As persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio desta pandemia aumentan a 3.190 despois de notificar este xoves a Consellería de Sanidade outros catro óbitos, todos eles de persoas con patoloxías previas. Segundo informou Sanidade, o pasado 21 de marzo morreu unha muller de 91 anos na área sanitaria de Vigo. E o día 22 faleceu un home de 77 na de Lugo; unha muller de 83 na de Ourense e un home de 94 anos na área de Ferrol.

Polo seu lado, 514.224 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, despois de recibir o alta outras 1.160 na última xornada na Comunidade galega.

Unha terraza en Vigo, a 26 de xuño de 2021 / Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press.  / Europa Press
Unha terraza en Vigo, a 26 de xuño de 2021 / Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta