Un xulgado de Ourense recoñece o dereito a baixa por paternidade a un home tras morrer o seu fillo no parto

O pai reclama ao Goberno central que dea pasos cara a unha regulación que blinde este dereito.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/03/2022 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

O xulgado do social número 4 de Ourense recoñeceu o dereito a baixa por paternidade a un home cuxo fillo faleceu no parto, unha sentenza pioneira en Galicia pero que xa fora adoptada por tribunais doutras comunidades.

O PP votou no Congreso en contra de igualar a paternidade e a maternidade
O PP votou no Congreso en contra de igualar a paternidade e a maternidade | Fonte: Antena 3

A Seguridade Social denegara a percepción do permiso ao entender que, ao falecer o fillo, non había razón para conceder a baixa de 16 semanas ao pai, dereito que si recibiu a nai.

A decisión da Seguridade Social foi recorrida polo proxenitor, defendido polo sindicato CIG. O xulgado ourensán dálle a razón ao considerar que a lei establece a igualdade entre sexos á hora do coidado dos fillos, polo que entende que non hai distinción tamén na concesión dos permisos.

No fallo, emitido este mes de marzo e contra o que cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xuíz incide en que non existe "ningunha distinción por razón de sexo" na prestación por nacemento e coidado do menor entre os proxenitores.

Por iso, sinala que o feito de que á nai se lle concedese o permiso motiva o dereito do pai a recibilo tamén

Tamén se detén en que o tratamento diferente á nai biolóxica que á súa parella podería levar a unha conduta discriminatoria en materia laboral, xa que as empresas preferirían contratar homes "porque necesitarán menos suspensións do contrato que a muller".

Para o xuíz, esta desigualdade "é precisamente o que se quere combater partindo do feito indiscutible de que, realidades fisiolóxicas a parte, a proxenitura debe supor os mesmos dereitos e obrigas para ambos os proxenitores con independencia do seu sexo".

PAI PIDE REGULACIÓN

Tras coñecerse a decisión xudicial, o beneficiario da sentenza, Xesús Martínez Fernández, remitiu unha carta dirixida ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para solicitar que interceda para evitar que o fallo sexa recorrido e se avance cara á regulación que recoñeza os dereitos dos pais en situacións similares á súa.

"A cuestión social e emotiva está fóra de calquera dúbida: ningún pai debería sobrevivir ao seu fillo e o feito de perdelo despois de nove meses esperándoo non se vai solucionar co permiso e a prestación, pero o que é demoledor é que un organismo público indique que non procede tal dereito e por tanto eu deba volver ao traballo coma se nada acontecese", sinala este pai na súa misiva.

Incide en que o seu caso "non é único" e lamenta que "un criterio de xestión" da Seguridade Social achegue "máis sufrimento" ás familias, polo que pide que se dean "os pasos necesarios" para evitar "que outros pais teñan que verse no deber de denunciar despois de pasar pola morte do seu fillo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta