Factura da luz: quen ten a culpa da suba do prezo e como solventalo?

Economistas e políticos debaten sobre a mellor saída a unha escalada dos prezos eléctricos que se debe só en parte á guerra ucraína. O resto de causas hai que buscalas na transición ecolóxica e as políticas neoliberais da Unión Europea, abrazadas polo goberno de Aznar e toleradas polos que despois viñeron.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

No momento de comezar este artigo --hora valle-- zoa no piso de arriba unha lavadora. É o canto nocturno dos picheleiros asentados. Non dos estudantes, que seguen (seguimos) atados ao ventre materno polo cordón umbilical da roupa sucia. A luz, en fin, que está moi cara. Xa ninguén merca desas bolsas de especias que se poñían ao forno cun zanco de polo (moitos kilowatios). As parellas que aínda se queiran --ou se odien só un pouquiño-- dirán, se cadra: hoxe mellor poñemos unhas velas, que é máis romántico.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, intervén nunha rolda de prensa posterior a unha reunión co secretario xeral das Nacións Unidas, 2 de xullo de 2021, no Palacio da Moncloa, Madrid. (España).. Jesús Hellín - Europa Press
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, intervén nunha rolda de prensa posterior a unha reunión co secretario xeral das Nacións Unidas, 2 de xullo de 2021, no Palacio da Moncloa, Madrid. (España).. Jesús Hellín - Europa Press

Na dimensión macroeconómica, a alza do gas e os carburantes poñen contra as cordas os últimos activos da economía galega. O sector primario, golpeado nos últimos meses ante as promesas baleiras do Goberno central, enfronta agora unha das súas crises máis duras por mor da folga de transportes --que é, tamén, consecuencia directa da suba do combustible--. O mesmo acontece coa pesca, cos propios transportistas, e, en suma con todos os sectores do país, porque todos dependen directa ou indirectamente da electricidade. Fronte a este escenario de potencial catástrofe, imos tentar dar resposta a tres cuestións: por que sobe a luz, de quen a é culpa e que se pode facer para pórlle freo a curto prazo.

A matraca dos telexornais e o presidente do Goberno deixa claro que a guerra ruso-ucraína está detrás encarecemento da luz: Putin non quere darnos gas, etc. Pero ninguén esquece que o incremento dos prezos comezou moito antes de que as tropas rusas colleran rumbo a Kiev --ou Kiív, como prefiran--. Polo pasado mes de xullo, a factura superou os 100€ MW/hora. En setembro foron case 200 e finalmente, en decembro, superouse a barreira dos 400€. O prezo medio de 2017, por exemplo, era de apenas 50€.

AS CAUSAS 

Que aconteceu polo verán de 2021? Os expertos apuntan a un descenso na produción do gas que, lamentablemente, coincidiu coa entrada de China como novo consumidor. Todo nun ano sen apenas vento --descartando así a baza salvadora das renovables-- e, tamén, marcado polo peche das centrais térmicas impulsado pola UE, que decidiu encarecer artificialmente o consumo de carbón para acelerar a transición ecolóxica.

É imposible negar, por outro lado, a incidencia da xeopolítica na suba das últimas semanas. A UE importa o 40% do seu gas licuado de Rusia, un mercado que probablemente se poña difícil nos meses que seguen --polo momento xa dixeron que só lles vale o pago en rublos--. Alxeria, país exportador, era unha alternativa a estudar para España... cando menos ata que Pedro Sánchez decidiu claudicar ante as posturas de Marrocos para facerse co Sáhara Occidental, un xiro de guión que non sentou ben no país do Magreb.

AS CULPAS

Pero todo este caldo de cultivo internacional non se deixaría sentir sobre as facturas do común dos mortais se non fora por decisión das autoridades españolas e europeas. A clave está no mercado eléctrico; o ente no que a suba exterior do gas se transforma nunha alza explosiva da factura da luz, con enormes beneficios para as eléctricas

O sistema eléctrico español alberga operacións distintas, pero --para entendernos-- a autenticamente relevante na cuestión da luz é o chamado ‘pool’. No pool, produtores e distribuidores da electricidade deciden cal vai ser o coste desta para o día seguinte. O resultado da negociación é o chamado prezo de casación. A cuestión do mercado marxinalista está en que o valor do KW dunha materia prima concreta pode afectar a todas as demais. Imaxinemos, por exemplo, que a enerxía nuclear supón o 90% dun hipotético mercado español, e que o seu prezo por MW/hora é de 10€ para as 17:00 da tarde do día seguinte. O 10% restante corresponde ao gas, neste caso a 100€ o MW/h. A normativa do mercado eléctrico español implica que todos os megawatts consignados para esa franxa horaria se paguen ao prezo máis alto, aínda cando o gas sexa unha fonte minoritaria. Mentres tanto, os produtores hidroeléctricos, eólicos e térmicos acumulan grandes beneficios pola diferenza entre os seus custos e o prezo do gas.

O mercado eléctrico marxinalista hai que agradecerllo a José María Aznar, que decidiu liberalizar o sector en 1997 porque iso do control estatal estaba pasado de moda. A idea, con todo, viña de instancias máis altas: a Unión Europea lanzara unha directiva un ano antes instando á privatización do mercado eléctrico e a libre competencia entre empresas.

Un cuarto de século máis tarde, o Goberno pugna agora para que Bruxelas matice o modelo marxinalista e poder desvencellar temporalmente o gas do prezo global. Sánchez reunirase cos homólogos europeos no Consello dos días 24 e 25 para buscar unha saída conxunta á crise. Está previsto que o representante español poña sobre a mesa a modificación do modelo eléctrico, así como a imposición duns novos límites para o prezo dos megawattios.

Porque esta é outra. Ata hai pouco, o mercado eléctrico español contaba cun tope relativamente baixo para o prezo de casación do ‘pool’: non se podían superar os 180€ por MW/hora. Por aquel entón, 180€ podían semellar unha barreira distante e hipotética, pero o certo é que España leva xa meses por enriba desa cifra. A cuestión é que en 2019 a Unión Europea obrigou a subir o prezo máximo a 3.000€ para o caso do pool. A medida foi lanzada apoiándose nas bondades de contar cun mercado europeo unificado, a pesar da diferenza de rendas rentas entre os países da UE.

Aínda se Europa non dera luz verde, o Goberno podería seguir adiante co cambio do mercado eléctrico español; unha posibilidade que xa deixou caer xornadas atrás Teresa Ribera. Con todo, se España decide adiantarse ao resto da UE no control de prezos poderían xurdir problemas de calado para o Executivo. Fontes do sector eléctrico xa subliñaron que, nese caso, cabería agardar unha enorme demanda de electricidade por parte de Francia e Portugal, deixando seco o ‘pool’ eléctrico estatal. Sánchez tería entón dúas opcións: permitir que as casas do Estado queden a escuras ou limitar por lei as exportacións a Europa; unha proposta que seguramente non gustaría en Bruxelas.

O CAMBIO

Queda claro, pois, que o debate no megawattio se sitúa na reforma do mercado eléctrico. Con todo, na política estatal segue a haber voces de primeira orde que insisten na receita dos impostos como mellor saída á espiral inflacionaria, entre eles Feijóo. O aínda presidente da Xunta, e líder da oposición de facto, queimou os micrófonos da súa xira por España co retrouso de reducir a fiscalidade da luz e os carburantes. Feijóo defende rebaixar ao 4% o IVE daqueles bens enerxéticos considerados básicos, unha proposta apoiada por Fátima Báñez --que agora continúa coa súa defensa da España bien na fundación da CEOE--, pero que divide aos economistas e mesmo aos membros do Goberno.

Cómpre lembrar, neste aspecto, que o Executivo xa lanzou unha rebaixa ao IVE da luz ao 10%, medida “excepcional” que se manterá até polo menos o vindeiro 10 de abril, segundo apuntan dende Moncloa. Yolanda Díaz, pola súa banda, non se amosa moi favorable  á cuestión: “o PP sempre dá a mesma receita para calquera situación: baixada xeneralizada dos impostos. Eu onte estiven reunida con 60 economistas e o consenso é que unha baixada xeneralizada de impostos nun contexto de guerra non é adecuado porque os servizos públicos sostéñense con ingresos públicos", apuntou o pasado día 17. Díaz denunciou tamén que as eléctricas sigan facturando “beneficios de récord” aproveitando unha circunstancia bélica.

E que pensan os expertos disto? Abel Caballero, que non por nada é catedrático de Teoría Económica, volveu brevemente ás galas do profesor para facer unha breve exposición aos medios xornadas atrás. Dixo así: “hai que separar o prezo do gas e da electricidade porque o do gas contrólao Rusia. Se non pode ser que a subida arrastre beneficios multimillaniaros para algunhas empresas”. Caballero, que exerceu como un dos principais tecnócratas dese PSOE dos 80, defende tamén a viraxe do mercado eléctrico.

A crítica ao modelo marxinalista tamén emerxe daqueles expertos que aínda exercen como tal nas distintas universidades do país. Albino Prada, docente de Aplicada na UVigo, deixou claro en repetidas ocasións o seu rexeitamento ao sistema de fixación de prezos que funciona na península ibérica, ao que chegou a cualificar de “bomba inflacionaria” e “tumor” --tumor en cursiva--. Os primeiros artigos contra o modelo datan do setembro pasado, cando a suba do prezo da luz parecía aínda unha serpe de verán.

Prada rexeita tamén frontalmente a baixada de impostos proposta polo sector dereitista da política española e a CEOE. Non só critica a disposición do Banco de España a reducir a fiscalidade da luz: demanda, tamén, que se suban os impostos ás rendas máis altas para “custear partidas de gasto social”.

Adrián Dios, docente de Historia Económica Mundial en Santiago, si defende unha rebaixa de impostos sobre a luz e os carburantes. “A electricidade é un ben básico, co cal non ten sentido que estea suxeita ao IVE do 21%. Debería ir ao hiperreducido. As rendas máis baixas tamén teñen que poder acceder a estes bens”, explica. Moi convenientemente para a construción deste artigo, o economista da Universidade de Santiago deixa caer unha última liña, de afiado sumarismo: “o sistema marxinalista debe desaparecer”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 L. Castro

Sei quen non pinta nada en Madrid para conseguir unha solución. Néstor Rego que recibiu 3 votos na súa enmenda á totalidade ao Proyecto de Ley por la que se crea el Fondo Nacional para la Sostenibilidad del Sistema Eléctrico. E un dos votos era o seu.