Os ourensáns outorgan a "máxima puntuación" á campaña de vacinación infantil contra a covid-19

Máis de 8.210 nenos remataron o proceso e quedan uns 3.890 por concluílo

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/03/2022 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

Os ourensáns outorgaron a "máxima puntuación" á campaña de vacinación infantil contra a Covid-19 na área sanitaria de Ourense tras administrarse desde mediados de decembro 19.014 doses e alcanzar un 70 por cento desta poboación coa pauta completa.

Unha nena prepárase para ser vacinada contra a Covid-19 no recinto feiral de Expourense
Unha nena prepárase para ser vacinada contra a Covid-19 no recinto feiral de Expourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Así o informou a área sanitaria de Ourense, que traslada os resultados provisionais da enquisa realizada xa ás familias de 602 nenos de cinco a 11 anos por parte do equipo de vacinación especial fronte á Covid, na que se expuxeron diferentes aspectos relacionados coa organización.

Desde o inicio da vacinación infantil, a mediados de decembro, na provincia de Ourense administráronse 19.014 doses e case o 70 por cento dos nenos desta área teñen xa a pauta completa, é dicir 8.210, mentres que quedan 3.894 por rematar o proceso.

A poboación diana infantil da área de Ourense estímase nuns 14.540 nenos, polo que a taxa de participación rolda o 90 por cento ata o momento.

A enquisa realizouse ao pai ou nai, coa opinión tamén do menor, que en "moitos casos", destacan por parte da área sanitaria, "quixeron cubrir eles mesmos o cuestionario". Entre unha puntuación dun a cinco --un moi mala e cinco moi boa--, o 79% outorgou a máxima nota á presenza dos superheroes. O 58,97% fixéronse fotos ou charlaron con eles.

Así mesmo, indican as mesmas fontes, o 80,9 por cento valorou recibir o carné de superheroe entregado na área Sanitaria de Ourense aos nenos que acoden a vacinarse na provincia.

As familias destacan nun 92,52 por cento dos casos que xa falaran antes en casa sobre a vacinación cos nenos e o 81,39% outorgou a máxima puntuación (5) ao persoal.

Os usuarios resaltaron tamén na enquisa a amabilidade no trato, empatía, paciencia, humanidade e profesionalidade do equipo de vacinación na provincia de Ourense.

Algúns participantes deixaron achegas como "son un equipo marabilloso, sempre están cun sorriso desde que entras ata que salgues de alí" ou "mil grazas por facer isto tan especial". "O neno ía fatal e lograstes que puxese a vacina" ou "un 10! Grazas! A miña filla perdeu o medo ás agullas", foron outros comentarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta