Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 20:04
O sector da construción en Galicia alerta de que perde 20 millóns ao día pola falta de subministracións, unha situación agravada co paro do transporte, polo que sostén que con esta "parálise total" perigan 80.000 empregos directos.
Nun comunicado, o Foro da Construción de Galicia, plataforma na que están representados os principais actores da industria construtiva (colexios oficiais de aparelladores, arquitectos e de enxeñeiros de camiños, Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia, así como a Federación Galega da Construción), reclama que "é urxente a adopción de medidas para mitigar o impacto do colapso actual das obras en Galicia".
A finais de 2021, a construción contaba cunha afiliación directa á Seguridade Social de 80.000 traballadores e cun total de 8.712 empresas, o que supón o 10,7% do censo total de compañías na comunidade galega. Estas empresas xeraron no cuarto trimestre de 2021 o 6,4% do PIB de Galicia, 4.137 millóns de euros.
Así, avísase de que a paralización da actividade construtiva suporá unha baixada de máis do 17% do PIB ao ter en conta "o impacto colateral que tería noutras áreas de actividade". Tamén expón que se corre o risco de perder fondos Next Generation ao non poder executarse as obras e non cumprirse os prazos de execución de actuacións.
Por todo iso, esixe que se garanta a libre circulación de mercadorías, unha contención dos prezos da enerxía e dos combustibles, así como que se garanta a actividade da industria que permita asegurar o abastecemento de materiais e o mantemento do custo nas obras. Tamén avogan por unha ampliación dos prazos das obras en execución e a presentación de ERTE por causa maior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.