80.000 empregos directos, "en perigo" na construción pola falta de materias primas

O sector da construción alerta do "impacto demoledor" do cese da súa actividade: "cada día de parálise construtiva o sector perde máis de 20 millóns de euros".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2022 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

O exponencial incremento de prezos das materias primas e da enerxía, xunto co paro do transporte, está a abocar a actividade construtiva que desenvolve Galicia a unha "parálise total", denuncia o Foro da Construción de Galicia, que alerta que esta situación vai significar "unha baixada no PIB de máis do 17%", tendo en conta o impacto colateral que tería noutras áreas de actividade.

Construción do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra.. XUNTA
Construción do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra.. XUNTA

A finais de 2021 a construción contaba cunha afiliación directa á Seguridade Social de 80.000 traballadores e cun total de 8.712 empresas, o que supón o 10,7% do censo total de compañías en Galicia. Estas empresas xeraron no cuarto trimestre de 2021 o 6,4% do PIB de Galicia. Nestas cifras, explica o Foro, non están incluídas as actividades inmobiliarias, que tamén terían un parón significativo, e que supoñen o 10% do PIB galego. Tamén se están vendo afectadas outras actividades profesionais dependentes do sector da construción (profesionais da promoción inmobiliaria, arquitectura, enxeñarías...) que supoñen outro 1% máis do PIB, é dicir, máis de 600 millóns de euros.

Segundo explica o Foro, o cesamento da actividade do sector da construción en Galicia "está

a ter, por tanto, un "impacto económico e social demoledor", que se cifra nunhas perdas de máis de 20 millóns de euros diarios mentres se manteña o cesamento de actividade. Ademais, a este efecto directo habería que sumarlle, di o Foro, a "probable imposibilidade de executar unha parte importante dos Fondos Next Generation asignados ao ano 2022" e que dependen en gran parte da construción. 

Por todo iso, os distintos axentes implicados na actividade constructiva que integran o Foro da Construción solicitan das administracións competentes unha batería de medidas entre as que se engade garantir a libre circulación das mercadorías, favorecer a contención dos prezos da enerxía e dos combustibles, facilitar a ampliación de prazos das obras en execución, permitir a  ampliación de prazo na entrega de vivendas, permitir modificacións nos contratos para lograr o seu reequilibrio económico, poñer en marcha un mecanismo de revisión de prezos fácil de aplicar e permitir a presentación de Ertes por causa de forza maior ás empresas do sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta