A Deputación de Pontevedra rexeita a proposta do PP para destinar máis axudas a municipios ante a alza de prezos

A portavoz do grupo do PP, Pepa Pardo, di que a Deputación "ten a obrigación de reaccionar e actuar dunha maneira eficaz, eficiente e inmediata".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2022 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

Cos votos en contra dos deputados do PSOE e do BNG, o Pleno ordinario da Deputación de Pontevedra rexeitou este venres a moción do Partido Popular coa que reclamaban a esta administración provincial un plan específico de apoio aos municipios ante "o incremento desmedido do gasto corrente" provocada pola alza dos prezos da luz, o gas, o combustible e a subministración de materiais.

A portavoz do grupo do PP, Pepa Pardo, sinalou que, de media, o gasto dos concellos está a aumentar entre o 40 e o 50%, "unha situación límite que pode repercutir no funcionamento ou prestación de servizos municipais básicos".

Segundo Pepa Pardo, a Deputación "ten a obrigación de reaccionar e actuar dunha maneira eficaz, eficiente e inmediata para evitar o colapso financeiro dos concellos" e reclamou ao Goberno provincial que "teña vontade política, estea á altura das circunstancias e faga valer as súas competencias".

O vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, César Mosquera, replicou que a Deputación non é allea á actual situación e que tamén "está a sufrir as subidas e está na mesma situación que os concellos". "Aquí non temos unha máquina de fabricar diñeiro", esgrimiu.

Para César Mosquera esta moción dos populares "só pódese entender dunha maneira", que segundo dixo, é para que os concellos "non vaian á Xunta a pedir". E lembrou que "esta Deputación fai o máximo esforzo, está ao límite" respecto das axudas destinadas aos concellos.

Na mesma liña, o portavoz do grupo provincial do PSdeG, Carlos López Font púxose "no papel de profesor" para dar ao PP "leccións en competencias, en defender aos traballadores e defender aos municipios".

"A QUE SE ESTÁ FORRANDO É A XUNTA"

Así, repasou a política orzamentaria da Deputación para concluír que "se alguén pode tomar decisións é a Xunta" e afirmou que é a que "se está forrando, como di Feijóo" e con todo, Galicia "é a comunidade de España que menos transfire aos concellos". Ademais, sinalou que cando o Partido Popular gobernou esta Deputación fíxoo "de maneira clientelar, para favorecer aos municipios do PP".

"Grazas a deus en Galicia goberna o Partido Popular", respondeu Pepa Pardo, que apuntou que "a misión da Deputación é axudar aos municipios" e que a situación económica fai viable a demanda dos populares polo que acusou aos socialistas de ser uns "progres de pancarta". Tamén censurou que "máis aló da propaganda son vostedes incapaces de facer nada polos seus veciños" e que "votan non sistematicamente" a calquera iniciativa que presenten o PP.

Os portavoces do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela e Pepa Pardo, en rolda de prensa.. PP DE PONTEVEDRA
Os portavoces do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela e Pepa Pardo, en rolda de prensa.. PP DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta