Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2022 | Actualizada ás 16:48
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este venres a invitación por parte do Consello da Unión Europea para participar nun foro sobre os centros das cidades que se celebrará no Parlamento de Estrasburgo os días 28 e 29 de xuño.
Segundo explicou o rexedor en rolda de prensa, trátase dun foro que se celebra "no marco dunha preocupación mundial pola situación das cidades", xa que a contaminación, os ruídos, a falta de accesibilidade, a perda de poboación ou o dinamismo social "son elementos que requiren de solucións".
Fernández Lores destacou que, como alcalde de Pontevedra, "é un orgullo moi grande que a cidade sexa cada vez máis referente para o mundo" e "non só teórico", engadiu o rexedor nacionalista, xa que a 'Boa Vila' "logrou pór en marcha un proceso de transformación real, aplicado sobre o terreo con éxito".
O alcalde de Pontevedra incidiu en que "son moitos anos" os que leva o goberno local "desenvolvendo un proxecto testado". "Recibimos cada vez máis visitas, cada vez máis mostras de interese en coñecer o que logrou a cidade, o que fixemos todos", aseverou.
Fernández Lores sinalou que, do mesmo xeito que en ocasións anteriores e citas semellantes, o Concello está a traballar xa na complementar esta viaxe con outros encontros que poidan ser de interese para Pontevedra, con diferentes autoridades da Unión Europea e expertos na materia a tratar no foro.
A mesa redonda na que participará o alcalde leva por título 'Mobilidade e peonalización': Como facer máis accesibles e agradables os centros das nosas cidades europeas'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.