A longa sombra do Breogán

Preocupación nos seareiros breoganistas polo traballo da secretaría técnica e pola cada vez máis 'estreita' vinculación co outro equipo lucense, o Estudiantes de Lugo.

Por gcdeportes | Lugo | 06/06/2014 | Actualizada ás 23:12

Comparte esta noticia

Co alleamento de accións por parte da Deputación de Lugo comezará unha época nova no CB Breogán, unha época na que tocará conformar un novo consello de administración. De momento, descoñécese quen poden ser os compradores, máis alá do ruxe-ruxe que circula pola cidade, pero todo apunta a que Estudiantes de Lugo, club vinculado ao Breogán, estaría en posición de mercar un bo paquete de accións, así como algúns directivos e persoas vencelladas ao club de canteira. Incluso algún directivo de Estudiantes asegurou xa que terían títulos dabondo para acadar ata dous asentos no novo consello.

Unha reunión deste ano do consello de administración do CB Breogán.
Unha reunión deste ano do consello de administración do CB Breogán. | Fonte: Deputación de Lugo

A meirande parte do breoganismo, despois de actuacións pasadas, rexeita amplamente unha presenza como mandatarios de estes. As voces máis críticas non acadan a entender como se pode investir en accións doutro club cando hai traballadores aos que se lles adebedan cartos.
Tampouco quere o breoganismo que se renove o convenio co club estudiantil, convenio que en repetidas ocasións se presentou como lesivo e perxudicial para Breogán por algúns ex-directivos.ç

E máis alá do aspecto económico, non todo son facilidades para contar no Breogán con xogadores vinculados, e a súa chamada para viaxar co equipo de Lisardo Gómez foi este ano motivo de tensións. Pero ao Estudiantes interésalle ter certo control no Breo para poder ofrecer os seus xogadores a posibilidade de progresar a un club con potencial ACB.

En todo isto hai unha figura que espertou suspicacias durante toda a pasada tempada, e máis nos últimos días: a da secretaría técnica, encarnada na figura de Juan Carlos Castro. Se xa durante a tempada tería chamado o adestrador a capítulo por non ter aliñado os xogadores procedentes de Estudiantes, impostos algúns deles segundo manifesta o xa ex-director xeral do club, vense de saber que recentemente freou os movementos de cara ao curso que ven con argumentos tales como que o novo consello non querería gastar todo no primeiro plantel (cómpre recordar que o Breogán non ten ningún filial). Semella que ven o futuro moi ben atado para eles.

A renovación do corpo técnico tamén está parada. Especialmente estase a dilatar a de Quique Fraga, podendo estar motivada por certa mala relación co club estudiantil. Deste xeito, obsérvase que o poder da secretaría técnica no CB Breogán é omnímodo. Non fai falla atar moitos cabos para ver en que se quere converter o club de Lugo.

Información de Alberto López Muñiz, autor do blog somosbreogan.org

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta