"As viúvas e orfos do Pitanxo sómolo tamén do Goberno, que nos deixou desamparados"

As familias denuncian que o Goberno dea "carpetazo" ao sucedido e non descartan emprender accións legais. Séntense "decepcionadas" e sinalan que "non hai motivación técnica" para a decisión. Avanzan unha concentración o vindeiro sábado en Marín.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2022 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

As familias dos falecidos no afundimento do 'Villa de Pitanxo' denunciaron que o Goberno queira "dar carpetazo a todo o referente ao barco" sen atender o "compromiso adquirido" de localizar e baixar ao pecio; motivo polo que "non descartan" emprender accións legais.

Nunha rolda de prensa ofrecida este sábado na biblioteca municipal de Marín, as familias --encabezados por María José Do Pazo-- comunicaron aos medios a súa "profunda decepción" co Goberno e co presidente Sánchez, "que se comprometeu a facer o posible e o imposible" para recuperar os corpos e localizar o buque. "Un pouco de sensibilidade. Dinnos que isto acabou, dan carpetazo e non hai máis reunións. Que goberno temos?", preguntouse María José, que asegurou que "non se pode actuar así".

"A Fiscalía dixo que podería tratarse dun homicidio imprudente. As familias cremos que isto se merece outro trato, outro estudo e outro respecto. Perdemos a familiares e non tivemos tempo de levar dó. A forma en que se nos está tratando é de falta de humanidade", comentou. As familias informaron de que solicitaron unha nova entrevista co titular do Executivo estatal e fixeron un novo chamamento á ministra de Traballo, Yolanda Díaz, "que non se puxo en contacto con ningunha familia". "É preciso falar, 21 traballadores do mar faleceron en circunstancias moi graves", sinala.

Os achegados dos falecidos queren que se lles explique, tal e como tamén recollen no comunicado, o motivo real de que non se vaia realizar ningunha acción máis, máis aló do informe técnico "sen data e sen asinar" que se lles facilitou na reunión celebrada o 24 de marzo na Subdelegación do Goberno en Pontevedra. "Non sei que quere dicir que veña sen data e sen asinar. É que ninguén se quere facer responsable desta decisión?", cuestionou a portavoz dos familiares.

INFORME TÉCNICO

Este informe conclúe que "ao non poder recuperar os corpos dos 12 desaparecidos, non merece a pena tecnicamente, nin baixar, nin localizar o Villa de Pitanxo". Entre os motivos esgrimidos no informe para non iniciar a procura, detallan a "imposibilidade" de intervir con mergulladores ou mediante un ROV no interior do buque. Indican tamén que "non existen precedentes destas operacións" e que "unha operación deste calibre leva uns preparativos e un deseño de entre 9 e 12 meses", ademais da petición de permisos e "a dificultade de estimar o custo económico".

Así, comunican que "a falta de precedentes e as dificultades asociadas fan concluír que non existen garantías de ningún tipo de éxito". Con todo, os familiares expresaron a súa "completa desconformidade" con este informe, que "pon de manifesto o desinterese das autoridades en buscar as causas do afundimento e poñer así punto e final á traxedia marítima de España máis grande deste século".

"Non se pode afirmar que é inviable se non se baixa. Ninguén pode afirmar se non se baixa como está o buque ou se hai corpos que se enredaron nos exteriores do barco", insisten. "Non aceptamos unha decisión unilateral e sen motivación técnica. Non imos renunciar ao noso lexítimo dereito como vítimas de pedir que se localice e se baixe, e se elabore un traballo fotográfico para recoñecer os arredores", defenden no comunicado.

Lamentan ademais que o delegado do Goberno, José Miñones, non lles transmitiu aínda información precisa sobre a localización do barco, "algo sinxelo" para o que "simplemente habería que dotar un buque dun magnetómetro e un sonar de varrido lateral".

ACTUACIÓNS PRIVADAS

En canto á posibilidade de que as accións as acometan empresas privadas, sinalan que "tampouco se informou de se as autoridades estableceron contacto" con este tipo de compañías, e indican que eles si o fixeron, confirmando que existen empresas europeas e españolas que "poderían levar a cabo a operación e dispoñer dos medios en tres días".

"Hoxe as viúvas e orfos do Pitanxo son aínda máis viúvas e orfos porque o son tamén do Goberno, que nos deixou desamparados", lamentaron no comunicado, tras o que María José insistiu en que "xa non é polos 21 falecidos do buque, senón por todos os mariñeiros de España; que saiban que se lles pasa, non lles vai a ocorrer o mesmo que a nós". Por último, Do Pazo avanzou que convocarán unha nova concentración para o vindeiro sábado en Marín e que enviarán a todos os partidos unha moción que inste a continuar a procura do barco "para que se vote en todos os plenos dos concellos".

A portavoz comentou ademais que a armadora continúa sen contactar con eles e que, aínda que o venres no funeral conxunto celebrado en Marín pensaba falar con Samuel, o sobrevivente que acudiu ao acto, "para preguntarlle que pasara", viu ao home "tan esnaquizado e con tanto sufrimento polos falecidos, polas familias e por todo o que viviu", que todos os familiares comprenderon que "hai que esperar".

A portavoz dos familiares dos desaparecidos do naufraxio, e filla dun deles, María José Do Pazo (3d), intervén xunto a outros familiares nunha rolda de prensa na biblioteca de Marin, a 26 de marzo de 2022, en Marín, Pontevedra. Beatriz Ciscar - Europa Press
A portavoz dos familiares dos desaparecidos do naufraxio, e filla dun deles, María José Do Pazo (3d), intervén xunto a outros familiares nunha rolda de prensa na biblioteca de Marin, a 26 de marzo de 2022, en Marín, Pontevedra. Beatriz Ciscar - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta