Debate en Galicia polo paro do transporte, que si manterán os da Coruña

A convocadora do paro apela a "non tirar a toalla baixo ningún concepto".

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 26/03/2022 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

Transportistas da Coruña decidiron manter o paro, aínda que sen accións concretas previstas ata o luns, á espera de novos pasos que poidan dar tanto o Goberno como a plataforma convocante no ámbito estatal. No conxunto de Galicia, hai división de posturas e os socios das diferentes asociacións debaten, mentres nalgúns condutores autónomos do sector circula a idea de que o paro podería "ir perdendo forza".

Transportistas secundando o paro indefinido. Isabel Infantes - Europa Press
Transportistas secundando o paro indefinido. Isabel Infantes - Europa Press

Este sábado na Coruña tivo lugar unha asemblea da Asociación Coruñesa de Empresarios do Transporte (Ascentra), na que, segundo explicou a Europa Press o seu presidente, Antonio Señarís, participaron a metade dos socios. Dos participantes, "o 80%" apoiaron manter o paro e o resto retomarán o traballo "baixo a súa responsabilidade". Aínda que supeditan a súa decisión aos pasos que dea a plataforma convocante, o presidente de Ascentra trasladou que se exporían volver á estrada se as cuestións que o Goberno central puxo encima da mesa son "de inmediato cumprimento".

O debate ao longo da xornada mantense en diversas asociacións. Por exemplo, os membros de Apetamcor, a principal asociación que apoia o paro en Galicia, someteron a decisión ao voto dos seus socios nas distintas provincias, pero está pendente de transcender de forma oficial que farán finalmente. En Lugo, o presidente da asociación Aetram, Diego Arias, pospón calquera paso "ata o luns".

"NON TIRAR A TOALLA BAIXO NINGÚN CONCEPTO"

Pola súa banda, a Plataforma en Defensa do Transporte pediu aos transportistas que están a secundar o paro que non tiren a toalla agora "baixo ningún concepto" e rexeitou as propostas que o Goberno pactou co Comité Nacional do Transporte por Estrada (CNTC). "Non estamos a pedir esmolas, as axudas que nos queren dar non son a solución de nada", reclamou.

Nun comunicado asinado polo presidente da plataforma, Manuel Hernández, que foi recollido por Europa Press, ínstase os transportistas do paro que comezou o pasado 14 de marzo a "seguir ata o final". "Aguantamos o último tirón porque o temos na man", escribiu o presidente. Estas manifestacións chegan despois de que a plataforma decidise manter o paro tras reunirse o venres coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, e non chegar a un acordo.

Hernández argumentou que o Goberno segue sen dar resposta ás súas reivindicacións e asegura que "as axudas que queren dar non son a solución de nada, non estamos a loitar para que de maneira puntual nos dean un bocadillo", reivindicou. "Se non temos a garantía de traballar para vivir, non hai motivos de arrincar", indicou no comunicado publicado este sábado na páxina web da plataforma, para engadir que "nunca se cambiou nada sen padecer e sacrificar moitas cousas".

Finalmente, Hernández pediulles que "aguanten o último tirón" porque con "persistencia" se conseguirá a "vitoria". "Moita forza e moito ánimo, non podemos perder", animou a publicación Hernández.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta