Hostalaria.gal insta os locais a sumarse ao peche do luns

Ana Pontón mostra o seu apoio ao sector e explica que é "imprescindible" negociar co sector un plan de axudas directas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2022 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

A asociación hostalaria.gal fixo un chamamento a que os locais de hostalaría se sumen ao paro convocado para o luns 28 como "protesta" ante a subida do prezo da luz e do combustible, así como para "visibilizar" os efectos que está a ter no sector. O presidente da asociación hostalaria.gal, Lois Lopes, estivo acompañado da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen lles mostrou o seu apoio ante o anuncio do peche e das demandas que fai o sector.

Pontón explicou que a hostalaría é un sector "moi importante en Galicia", que alberga "máis de 60.000 empregos e cunha gran contribución ao PIB" e que actualmente se está vendo "gravemente afectado pola pandemia e pola escalada de prezos da enerxía". Por iso, Pontón considerou "imprescindible" negociar co sector un plan de axudas "vinculado ao mantemento e creación de emprego", algo co que Lopes coincidiu.

Así mesmo, o presidente da asociación engadiu a necesidade de medidas para baixar os prezos do combustible e a enerxía. Ante a situación, Ana Pontón fixo referencia ao acordo alcanzado este venres na Comisión Europea para crear a "excepción ibérica" que permitirá a España e Portugal implantar medidas para baixar o prezo da luz e do combustible, algo que espera "se concrete" e se poña en marcha canto antes "porque hai moitas familias, empresas e sectores afectados que xa non poden aguantar máis".

Ademais, Pontón insistiu en que é "grave" que "coa que está a caer en Galicia" ningunha das medidas anunciadas por Feijóo estea publicada no DOG. "Os gandeiros, o sector pesqueiro, o sector da hostalaría, o sector de transporte non vive de promesas e o que necesitan son gobernos que estean á altura e non en campaña electoral interna", resolveu.

"CONTRA AS CORDAS"

Pola súa banda, o presidente da asociación hostalaria.gal explicou que a pandemia deixou o sector "contra as cordas" e agora a situación está a verse agravada pola subida do prezo da enerxía, de produtos fundamentais como a fariña, azucre ou chocolate e do do combustible. 

Encontro da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coa asociación hostalaria.Gal. HOSTALARIA.GAL
Encontro da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coa asociación hostalaria.Gal. HOSTALARIA.GAL | Fonte: Europa Press

Lopes lamentou que "necesariamente" todas as subidas explicadas van repercutir no prezo do produto final, causando que haxa "unha perda brutal no poder adquisitivo das familias". "Moitas empresas xa pasaron da falta de liquidez á falta de solvencia, o que sabemos que é o paso antes da quebra", coa consecuente perda de postos de traballo, incidiu Lopes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta