Algúns transportistas continúan a folga alentados pola plataforma que se creou a través das redes

A Plataforma Nacional en Defensa do Transporte, que xa se reuniu coa ministra, di que continuará cos paros tras o acordo entre o Goberno e a maior parte do sector.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 28/03/2022 | Actualizada ás 10:11

Comparte esta noticia

As protestas do sector de transportistas continuaron este luns en Galicia con apoios de varias plataformas, aínda que foron decaendo algunhas delas tras as primeiras medidas anunciadas polo Goberno de Pedro Sánchez, que se sumarán a un paquete de medidas este martes para máis sectores.

Con todo, máis de medio milleiro de vehículos, entre camións, furgonetas, tractores, taxistas e coches de autoescola, entre outros, partiron ás 11,00 horas en caravana desde o polígono industrial de Río do Pozo (Narón) para protestar polos prezos do combustible, unha subida que os mantén en paro desde hai exactamente dúas semanas. A manifestación alcanza a comarca, chegando a Ferrol, Narón, Fene e Neda.

O portavoz do colectivo convocante na comarca, Antonio Otero, destacou a alta participación nesta nova mobilización e expresou a súa confianza en que na reunión deste martes entre a plataforma e o Goberno central "se chegue a unha solución". Ao seu xuízo, as propostas acordadas no seo do Comité Nacional do Transporte a semana pasada non son máis que "vender sacos de fume" porque, explicou, "que se rebaixe vinte céntimos o litro cando esta semana vai subir 17 non soluciona nada". Nese sentido, reiterou a súa demanda de que se "fixe un prezo máximo para o combustible" e que este se vincule co custo das materias primas.

LUGO SEGUE TAMÉN

Nesta mesma liña situouse a Asociación Empresarial do Transporte Río Miño (Aetram), que quere o Goberno central fixe un prezo límite do gasóleo en 1,40 euros o litro. O presidente de Aetram, Diego Arias, confirmou que esta plataforma seguirá "co paro" e xustificouno porque, ao seu xuízo, "as medidas do Goberno son insuficientes".

"Polo menos tense que poñer un fixo no combustible, non pode haber as variacións porque iso tómbanos a todos. Habería que topar ese prezo en 1,40 euros o litro", reivindicou. O presidente de Aetram estimou que a súa asociación "representa ao 85 por cento" do sector na provincia de Lugo, con 400 asociados para case mil camións.

Diego Arias calculou que ao mes perden "entre 3.000 e 4.000 euros". Deste xeito, calcula que haberá unhas 3.500 perdas en combustibles ao mes por cada camión, ao que habería que sumar outros custos.

APOIO DE APETAMCOR

Doutra banda, as persoas asociadas de Apetamcor acordaron continuar co paro, tras votar o pasado sábado en asemblea e, de 188 votos emitidos, saír 93 favorables a seguir coas mobilizacións, fronte aos 80 que votaron en contra. De feito, a votación decantouna a asemblea de Santiago (con 39 votos a favor de seguir coas mobilizacións e 23 en contra), fronte ás de Lugo e Ourense, en que a opción maioritaria foi a de volver ao traballo.

A través dun comunicado de prensa, Apetamcor sinala que continúa apoiando o paro, pero "respecta a liberdade dos socios que queiran traballar" e desvincúlase de calquera acto "vandálico" nas protestas. Así mesmo, tamén se manteñen zonas de piquetes informativos en puntos como o porto da Coruña, onde levan desde o inicio do paro, aínda que a situación mellorou.

O presidente da Plataforma para a Defensa do Sector do Transporte de Mercadorías por Estrada, Manuel Hernández. Eduardo Parra - Europa Press
O presidente da Plataforma para a Defensa do Sector do Transporte de Mercadorías por Estrada, Manuel Hernández. Eduardo Parra - Europa Press | Fonte: Europa Press

PLATAFORMA NACIONAL

A Plataforma Nacional en Defensa do Transporte, unha plataforma de recente creación e impulsada a través das redes sociais, continuará hoxe coa folga que iniciou o pasado 14 de marzo e non lle porá fin ata que a Administración dea resposta ás súas demandas, segundo sinalou o presidente desta plataforma, Manuel Hernández.

"Tal e como está a situación non temos máis remedio que continuar parados", dixo Hernández nunha entrevista en TVE recollida por Europa Press. Sobre a reunión que mantivo o pasado venres coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, Hernández asegurou que non houbo "ningún tipo de avance", pois "todo se basea en promesas".

"Moi ao noso pesar, temos que continuar cos camións parados ata que a Administración, que consideramos ten as ferramentas suficientes para articular calquera decreto e calquera lei que de resposta ás demandas do sector e desta maneira poder arrincar e poder traballar, que é a nosa máxima vontade", afirmou.

Respecto de se a folga de transportistas está a perder forza, Hernández resaltou que, desde o seu punto de vista, "non" é así: "A mobilización do venres fronte ao Ministerio de Transporte a pé foi un rotundo éxito. Entre todos puidémonos arroupar e demostrar que non somos esa minoría como nos querían tachar", sinalou.

Para os transportistas, a Administración "ten que traballar na dirección acertada e desbloquear isto". "Non estamos a pedir esmola, non estamos a pedir subvencións, temos que comer todos os días", dixo o presidente da plataforma.

O 95% DO TRANSPORTE AUTÓNOMO ESTÁ TRABALLANDO

A Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) afirmou este luns que actualmente o 95% dos 207.000 autónomos do transporte en España xa está a traballar e a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, urxiu a desactivar o paro patronal.

"Hai un bo acordo e, por tanto, debe desactivarse ese paro patronal", instou a vicepresidenta primeira durante a clausura da Asemblea Xeral 2022 da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA). Calviño salientou que "canto antes" se debe recuperar a normalidade, aínda que afirmou que "lle consta" que isto xa esta sucedendo. "Temos, entre todos, que dar tranquilidade e certidumbre a cidadáns e empresas", remarcou.

Sobre isto, o presidente de ATA, Lorenzo Amor, sinalou que actualmente o 95% dos autónomos do transporte xa está a traballar e instou a aqueles que están a protestar a que "deixen traballar aos que queren traballar". Así, Amor criticou ao grupo de transportistas que esta mañá cortou de novo a Rolda Litoral de Barcelona.

Ante esta situación, Calviño volveu a apelar á responsabilidade dun "grupo limitado de traballadores" que seguen mantendo accións que "tratan de xerar intranquilidade e dificultar o normal funcionamento da cadea de subministracións". A titular económica do Goberno quixo pór en valor o recente acordo alcanzado co Comité Nacional do Transporte por Estrada (CNTC) para tratar de frear o paro do sector, aínda que as medidas non convenceron á plataforma de transportistas que iniciou as protestas.

Neste sentido, o presidente de ATA tamén valorou o recente acordo pactado co Goberno co sector e defendeu o papel das organizacións dentro deste tipo de negociacións. "As organizacións non estamos para desgastar gobernos. As organizacións estamos para falar, negociar, dialogar, acordar e acordar cos Gobernos. Ese é o mandato constitucional que teñen as organizacións que representan a empresarios, autónomos ou traballadores", remarcou.

PLAN DE CHOQUE QUE SE APROBARÁ MAÑÁ

A pesar de que os paros continúan, o Goberno decidiu impulsar o plan acordado cos principais representantes deste sector "estratéxico", que supón a mobilización de máis de 1.000 millóns de euros. Ademais, o sector do transporte beneficiarase, dentro do plan de choque que prevé aprobar o Executivo mañá, da rebaixa mínima de 20 céntimos de euro por litro ou quilo de combustible.

Tamén o Executivo aprobará un novo fondo de 450 millóns de euros para axudas directas ás empresas de transporte de mercadorías e de pasaxeiros, en función do tipo de vehículo: 1.250 euros por camión, 900 por autobús, 500 por furgoneta e 300 por taxi, VTC ou ambulancia.

Ademais, acúrtase de tres a un mes o prazo de devolución do imposto sobre Hidrocarburos e mantense o compromiso de aprobar unha lei que permita aos transportistas traballar cun prezo xusto, como o Goberno fixo con agricultores e gandeiros coa Lei de Cadea Alimentaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta