Alertan do colapso e do peche de "miles" de explotacións de gando vacún en Galicia

"Só cos incrementos dos custos de produción e o incremento do IPC cada gandeiro perde ao redor dun euro e medio en quilo de carne", di UUAA.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2022 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O sindicato Unións Agrarias alertaron este martes en Lugo do peche de "miles" de explotacións de gando de carne de vacún de manterse esa tendencia de "producir a perdas", que se traduce en prezos que non experimentaron apenas incremento, por quilo, desde hai "15 anos".

O secretario xeral do sindicato, Roberto García, lamentou que a este tipo de granxas "non se lles recoñece o papel de estar a producir carne de excelentísima calidade, non se lle recoñece tampouco o papel medio ambiental e de fixación de territorio".

Ademais, advertiu que "moitas zonas de montaña sen explotacións gandeiras serían pasto do abandono e o lume e obrígaselles a vender o quilo de carne ao mesmo prezo de hai 15 anos". "Só cos incrementos dos custos de produción e o incremento do IPC cada gandeiro perde ao redor dun euro e medio en quilo de carne", calculou.

Roberto García reiterou que "a actual situación é de auténtico risco, de que pechen moitas destas explotacións e logo sería impensable facer ningún tipo de plan para instalar gañado en zonas da montaña de Lugo e Ourense, e é que o 78 por cento das granxas de carne Suprema e gandaría extensiva están en Lugo".

Á vista deste escenario, vaticinou que nos próximos anos poderían pechar "miles" de granxas de carne e así trasladou que "imos terminar contando só con oito mil explotacións que son as que están inscritas en Tenreira Galega".

"Logo existen moitas máis explotacións pequenas que xogan un papel complementario de rendas, pero que non teñen ingresos, nin o tamaño suficiente para poder vivir en exclusiva da produción de carne", subliñou finalmente o secretario xeral de UUAA.

Varias vacas nunha explotación gandeira. EUROPA PRESS - Arquivo
Varias vacas nunha explotación gandeira. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta