Mulleres activistas da terra de Honduras e Galicia danse cita en Santiago este xoves

Forma parte do proxecto Mulleres Bravas que pretende achegar lazos entre o activismo ambiental galego e hondureño.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Tres activistas ambientais hondureñas percorrerán Galicia para atoparse con distintos colectivos galegos dende este martes e ata o vindeiro 7 de abril. A visita encádrase no proxecto 'Mulleres Bravas, defensoras da vida' que levan a cabo Amigos da terra e Enxeñería sen Fronteiras co apoio da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e o financiamento da Xunta de Galicia.

Mulleres hondureñas visitan Galicia para unhas xornadas organizadas por AGARESO
Mulleres hondureñas visitan Galicia para unhas xornadas organizadas por AGARESO | Fonte: AGARESO

Este xoves, 31 de marzo, as tres activistas, Coralia Argentina Turcios, Adolfina Contreras e Yeni Karina Aguilar, achegaranse ata Santiago para compartir a súa historia de loita con outras tres mulleres galegas pertencentes á Plataforma Mina Touro Non, Plataforma pola Defensa da Ría da Arousa e Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, nunha mesa redonda aberta que terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñería de 17h a 20h.

O obxectivo do proxecto, explica AGARESO, é dar a coñecer os impactos sobre as persoas e o medio ambiente dos proxectos industriais e extractivos tanto en Honduras como Galicia, así como alternativas sustentables, poñendo o foco na especial loita das mulleres como defensoras da terra.

A delegación que agora visita Galicia está composta por tres mulleres que pertencen a grupos organizados que defenden ecosistemas clave ou se opoñen a grandes obras extractivistas. "Son exemplos de valentía nun contexto perigoso e violento para o activismo en xeral, e para as mulleres en particular, xa que Honduras é un dos países cunha maior taxa de asasinatos de defensoras de dereitos humanos no mundo", explica AGARESO. 

Elas son Coralia Argentina Turcios, lideresa comunitaria e tamén “garda recursos” voluntaria, unha especie de garda forestal para as áreas protexidas e a vida silvestre no seu país; Adolfina Contreras, mestra e presidenta do Comité de crédito para o desenvolvemento económico local, forma parte da Mesa de Seguridade alimentaria e nutricional e tamén do grupo impulsor para a defensa dos Dereitos Humanos nas comunidades; e Yeni Karina Aguilar, que con só 23 anos, xa acumula cinco batallando contra os megaproxectos fotovoltaicos que ameazan o seu pobo. 

As tres activistas, ademais de reunirse con distintos colectivos e movementos ambientais galegos (Salvamos Catasos, Eolicos en Terra de Montes, Eolicos de Forcarei, Asociacións de persoas afectadas pola canteira de Budiño e polos aeroxeneradores na Serra do Galiñeiro…), participarán en mesas redondas abertas ao público nas Universidades de Vigo, Santiago e a Coruña. Tamén se atoparán nun encontro aberto con representantes da Marcha Mundial das Mulleres en Ourense e reuniranse con Jesús Gamallo, Director Xeral de RREE e coa UE da Xunta de Galicia, como financiadores deste proxecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta