"Os políticos non concordan cos expertos en saúde nos temas e estratexias para a vacinación contra a covid-19"

Un estudo con participación galega sobre a comunicación en Twitter de gobernantes e científicos de España, Estados Unidos, Reino Unido, Francia e Portugal revela que Pedro Sánchez foi o mandatario que máis utilizou opinións como feitos nos seus chíos. Outro estudo con selo galego mostra que as conversas optimistas en Twitter sobre a evolución da pandemia adoitan ser menos comúns e menos participadas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Se o coronavirus SARS-CoV-2 supuxo durante os dous últimos anos o maior desafío para o benestar da humanidade desde a Segunda Guerra Mundial, os boatos e as teorías conspirativas que infectan Internet e que se propagan principalmente desde redes sociais –pero tamén por medios propagandísticos e sensacionalistas– sobre este virus foron, seguramente, a maior ameaza que enfrontaron as democracias e a seguridade dos cidadáns nas últimas décadas. A comunidade científica avisou: a pandemia desinformativa (ou infodemia) é, potencialmente, tan perigosa para a sociedade como o propio brote vírico. Ante isto, políticos e expertos en saúde buscaron gañar credibilidade cos seus relatos nas redes sociais para convencer aos cidadáns dos beneficios de vacinarse contra a covid-19, fronte os discursos conspiranoicos que sinalan as novas vacinas como un experimento mortal ou unha ferramenta de control, entre outros delirios. Pero as súas estratexias foron distintas.

O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, presenta a Estratexia de Vacinación contra a covid-19
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, presenta a Estratexia de Vacinación contra a covid-19 | Fonte: Moncloa.

Investigadores das universidades de Sevilla e Vigo analizaron como gobernantes e expertos en saúde situados como líderes de opinión utilizaron Twitter para crear e xestionar mensaxes sobre o proceso de vacinación, “ameazado pola desinformación impulsada nas redes sociais”, apuntan os autores do estudo, Concha Pérez Curiel, José Rúas Araújo e Rubén Rivas de Roca.

Os seus achados mostran que os temas e estratexias utilizados polos líderes políticos sobre a vacinación contra a covid-19 foron distintos aos empregados polo expertos en saúde, sendo especialmente “preocupante” para estes investigadores o “uso da linguaxe política falaz” entre os gobernantes, o cal “pode danar a cohesión social nunha crise”, advirten.

Os investigadores advirten de que as diverxencias entre gobernantes e expertos en saúde “poden fomentar a desconfianza da xente nas elites"

Para o estudo, os investigadores analizaron e compararon os chíos publicados en Twitter polos xefes de Goberno de Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Portugal e España e de 10 expertos recoñecidos en saúde (dous por cada país). Ademais, analizaron as contas de organizacións de fact-checking (verificación xornalístic de feitos e datos) neses países: @PolitiFact, @FullFact, @decodeurs, @JornalPoligrafo e @maldita. Os datos foron capturados desde o inicio da campaña de vacinación (14 de decembro de 2020), ata que a maioría da poboación maior de 60 anos foi vacinada (14 de maio de 2021). En total, recolleron, analizaron e compararon 2.607 chíos.

“Os resultados ilustran que os políticos non concordaban cos expertos en temas e estratexias”, expoñen os autores do estudo, que lamentan que esas diverxencias entre gobernantes e expertos en saúde “poden fomentar a desconfianza da xente nas elites e, polo tanto, ameaza o éxito a longo prazo dunha campaña de saúde pública”.

“O noso estudo contribúe a debates sobre o papel das redes para a cohesión social, argumentando que a conversa pública en Twitter sobre a vacinación revelou altos niveis de controversia”, argúen.

DIVERXENCIAS NOS TEMAS E ESTRATEXIAS

Os resultados do estudo apuntan a diverxencias no uso de temas e estratexias entre os líderes políticos e os expertos en saúde.

No caso dos gobernantes, se ben todos se referiron con frecuencia ás propias campañas de vacinación nacionais, houbo diverxencias no resto de cuestión. Os resultados mostran que os datos de vacinación foron un tema relevante para Boris Johnson (35,1%), Joe Biden (14,7%) e Emmanuel Macron (11,8%), pero non para Pedro Sánchez e António Costa (0,8%). “Os líderes español e portugués prestaron pouca atención a cifras de vacinas contra o covid-19, como as doses administradas”, apuntan os autores do estudo.

Os resultados tamén mostran unha preferencia polos asuntos exteriores nos casos de Costa (35,2%), Sánchez (26,5%) e Macron (21,6%), que non se atopan nos seus homólogos de Estados Unidos –Biden (5,2%)– e Reino Unido –Johnson (7,4%)–. “Isto pode solaparse co feito de que Francia, España e Portugal pertencen á UE; de aí que estes dirixentes reclamasen unha resposta europea á crise sanitaria. Neste sentido, a pandemia de coronavirus foi considerada polos chíos recollidos na Europa continental como un problema global que precisaba dunha solución transnacional no marco comunitario. Pola contra, Biden e Johnson non consideraron a pandemia nun ámbito tan internacional", explican os investigadores.

En canto á comunicación estratéxica, este tipo de enfoque din que só foi habitual nos chíos de Johnson (14%) e Sánchez (20,6%) que utilizaron principalmente o horse-race and governing frame (estratexia e pactos de goberno). Unha estratexia que, como recordan os expertos, “é propia das disputas electorais”, polo que consideran que este “é un achado rechamante, xa que non houbo naquel momento ningunha convocatoria de eleccións, agás dúas autonómicas, en Cataluña e Madrid”.

En contraposición, “os expertos en saúde non sempre se centran nos mesmos problemas e estratexias que os líderes políticos”, comentan os investigadores. Por exemplo, mentres os expertos en saúde en Estados Unidos falaron maioritariamente de datos de vacinación (39,1%), o presidente Biden prefería falar da campaña de vacinación.

No caso de España, "as prácticas científicas en Twitter parecen un pouco máis estratéxicas, na liña das prácticas de Sánchez"

O estudo indica que houbo unha tendencia contraria no Reino Unido: os expertos referíronse máis á campaña de vacinación (54%) e Johnson lle deu máis protagonismo aos datos de vacinados.

No caso de Francia, os expertos mostraron un forte interese polos datos de casos de contaxio de covid-19 (26,2%), “significativamente diferentes” aos de Estados Unidos e España.

En España e Portugal, as axendas centráronse maiormente nas campañas de vacinación (32,9% e 22,6%), pero tamén destacou a atención dos expertos portugueses aos casos de covid-19 (13,6%) e os datos de vacinación (12,6%). “De feito, esta proporción de datos de vacinación é significativa en comparación coa británica”, expoñen.

Respecto de España, afirman que “as prácticas científicas en Twitter parecen un pouco máis estratéxicas, na liña das prácticas de Sánchez, que dedicou unha gran prioridade ao horse-race and governing frame”.

Ademais, destacan o feito de que, en xeral, nos cinco países, “a axenda dos expertos foi fragmentada, tratando moitos máis temas e estratexias que os gobernantes”, abordando “un abano de contidos máis amplo na súa comunicación en Twitter”.

“Polo tanto, houbo diferenzas entre os políticos e os científicos de cada país”, expoñen os investigadores.

PROPAGANDA

Partindo da idea de que a comunicación dos gobernantes en redes sociais adoita recorrer a mecanismos de propaganda, os investigadores analizaron como o fixeron durante a campaña de vacinación.

O que observaron foi que a maioría dos líderes utilizaron apelacións ás emocións e á énfase como recursos, se ben houbo excepcións a esa tendencia. No caso de Joe Biden, as apelacións ás emocións (30,2%) e á autoridade (23,3%) foron claves no seu discurso en Twitter e, en menor medida, a énfase (19%). “O presidente estadounidense construíu unha imaxe de autoridade que tratou de transmitir sentimentos nos seus chíos. Este patrón emocional non estaba presente en Johnson”, comparan os autores do estudo.

No caso do primeiro ministro británico, este utilizou principalmente a énfase como recurso (28,7%) e a palabra doutras fontes (24,5%) como os seus principais mecanismos de propaganda. Estes dous enfoques foron tamén habituais no portugués António Costa, pero en combinación con apelacións á autoridade e ás emocións, como se clarifica no estudo. “Os nosos resultados mostran que o enfoque propagandístico do primeiro ministro portugués estaba fragmentado, mesturando moitos mecanismos discursivos diferentes, pero o seu nivel de apelación á autoridade era significativamente diferente”, detallan os expertos.

Os investigadores chaman a atención sobre o feito de que Pedro Sánchez utilizou opinións como feitos nun 19,1% dos seus chíos

En canto a Francia, Macron mostrou un proceso de selección de información nun 37,3% dos seus chíos como a principal diferenza, seguido da énfase (23,5%) e a apelación as emocións (19,6%). Sánchez tamén se valeu da información selectiva como recurso (41,2%) e a apelación ás emocións (23,5%), mentres que o mecanismo de énfase apareceu con menor frecuencia no presidente español que no resto dos dirixentes.

No caso do presidente de España, os investigadores chaman a atención sobre o feito de que Sánchez utilizou opinións como feitos nun 19,1% dos seus chíos, “o que significa que o político español foi o único que o aplicou en grao significativo”, resaltan.

En opinión dos autores, o seu estudo “ofrece evidencias esclarecedoras sobre o desaxuste de temas e estratexias entre líderes políticos e expertos en saúde”. Como mostran os resultados, “a axenda dos científicos está moito máis fragmentada, probablemente porque os políticos se comunican cun propósito, omitindo algúns temas”. Con todo, resaltan o feito de que xefes de goberno e expertos en saúde “comparten a importancia das campañas de vacinación”.

Para estes investigadores tamén son salientables as distintas prioridades por país, de modo que “os asuntos exteriores son un marco de problemas recorrentes nos líderes de Portugal, España e Francia”, mais non nos casos de Biden e Johnson. Ademais, engaden, “a comunicación estratéxica só é frecuente en Sánchez e Johnson”.

En resumo, os resultados deste estudo, din, “indican unha comunicación claramente propagandística nos dirixentes políticos, baseada nas ferramentas de énfase e apelación ás emocións”.

Tomando os coñecementos obtidos do estudo, en conxunto, estes autores defenden que “o protagonismo da linguaxe política falaz nos dirixentes é un aspecto preocupante que pode danar a cohesión social nunha crise” como a da covid-19.

Por isto, enxalzan o papel das organizacións de fact-checking para identificar posibles falacias, boatos, mentiras, nos discursos políticos: “As iniciativas de verificación de feitos e datos traballan para evitar a difusión da desinformación, respondendo aos poucos marcos temáticos e estratéxicos aplicados polos políticos, mentres que os expertos en saúde avanzan a un nivel diferente caracterizado por unha axenda fragmentada”, comparan estes expertos, que ven maior preocupación das organizacións de fact-checking polos discursos políticos que polos dos expertos, que semellan máis fiables.

OPTIMISTAS VS PESIMISTAS

Por outro lado, investigadores das universidades de Vigo e Minho (Portugal) veñen de presentar outro estudo no que propoñen un “un novo enfoque de aprendizaxe profunda” para analizar como se transmiten os sentimentos de optimismo e pesimismo nas conversas de Twitter sobre a covid-19.

Segundo os propios autores, Guillermo Blanco e Anália Lourenço, “os resultados experimentais en catro períodos da pandemia de covid-19 mostran como o enfoque proposto pode modelar o optimismo e o pesimismo no contexto dunha crise sanitaria”.

Pata isto, valéronse dun total de 150.503 chíos publicados por 51.319 usuarios únicos. As conversas caracterízanse en termos de sinais emocionais e cambios para desentrañar a empatía e os mecanismos de apoio. As conversas con sinais pesimistas máis fortes indicaron pouco cambio emocional (é dicir, o 62,21% desas conversas non experimentaron case ningún cambio na emoción). Pola súa banda, só o 10,42% das conversas máis optimistas mantiveron o estado de ánimo.

En xeral, explican, “as conversas optimistas adoitan ser menos comúns e menos participadas, o que era algo esperado dado o estrés e o trauma experimentado” pola pandemia de covid-19. Porén,

 “O anuncio dos ensaios en fase 3 das primeiras vacinas provocou conversas máis optimistas, así como unha maior participación en conversas pesimistas”

Destacan tamén o feito de que “os usuarios pesimistas tenden a ter unha influencia baixa na plataforma social, mentres que os usuarios con puntuacións de influencia máis altas son bastante participativos e volátiles”. Segundo estes autores, “a volatilidade emocional do usuario está máis ligada á influencia social”.

“Curiosamente”, engaden, “o anuncio do lanzamento dos ensaios en fase 3 das primeiras vacinas provocou conversas máis optimistas, así como unha maior participación en conversas pesimistas”.

A información sobre o estado de ánimo individual e colectivo nas redes sociais ten, para estes investigadores, “un valor engadido para o desenvolvemento de ferramentas que apoien o deseño de estratexias de intervención en saúde pública”. E engaden: “A capacidade de representar estes fluxos emocionais nas conversas en liña é clave para supervisar e controlar os riscos potenciais para a saúde fomentados pola interacción social durante períodos de trauma e angustia graves”.

Estes investigadores consideran que a súa metodoloxía pode ser para a vixilancia e xestión de pandemias e doutras crises sanitarias, e “para capitalizar o apoio en liña existente, maximizando a difusión de sentimentos positivos e mellorando o estado de ánimo e as actitudes das persoas” en campañas de concienciación, como a da vacinación contra a covid-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta