O BNG esixe os expedientes das adxudicacións da Xunta á empresa Eulen, dirixida pola irmá de Feijóo

Pide tamén que se proceda á realización dunha auditoria técnico xurídica externa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/03/2022 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para esixir explicacións urxentes ao Goberno galego polos "numerosos e cuantiosos" contratos adxudicados ao grupo empresarial Eulen, do que é apoderada a irmá do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Micaela Feijóo saúda o seu irmán tras a victoria electoral de 2009.
Micaela Feijóo saúda o seu irmán tras a victoria electoral de 2009.

O Bloque reclama, en virtude do artigo 9 da Cámara, toda a información relativa aos expedientes de contratación nos que resultou adxudicataria a compañía desde 2009. Ademais, solicita unha auditoría técnico-xurídica, externa e independente, sobre o procedemento e os criterios técnicos seguidos nos contratos públicos outorgados.

O portavoz de Xustiza e Institucional do BNG, Iago Tabarés, asegura que, desde a chegada de Feijóo á Presidencia da Xunta, este grupo foi beneficiario de 139 contratos da Administración autonómica e entidades e fundacións dependentes por un importe superior aos 37 millóns de euros.

Nesta liña, alerta sobre o que define como "singularidades" nos distintos procedementos de contratación, entre as que apunta a non licitación a través de lotes en determinados contratos, "evitando así a concorrencia doutras empresas", ou a adxudicación de servizos a Eulen, a pesar de que a compañía "se atopa incursa en baixas temerarias ou de non formular a oferta económica máis vantaxosa".

O deputado nacionalista considera necesario e urxente "examinar a documentación relativa a tantas e tan cuantiosas adxudicacións" e, despois de que o PP vetase a proposta do BNG para que o Consello de Contas realizase un informe de fiscalización destas contratacións, pide que se proceda á realización dunha auditoria técnico xurídica externa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta