Galicia concentra case un de cada cinco accidentes de tráfico con animais en todo o Estado

Os sinistros de tráfico por esta causa crecen un 40% en 2021 respecto de 2019, segundo un estudo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/04/2022 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

Case un de cada cinco accidentes de tráfico provocados por animais no Estado prodúcense en Galicia, segunda comunidade con maior sinistralidade por esta causa. Así o reflicte un informe que revela que os sinistros de tráfico provocados polos animais creceron un 40% en 2021 respecto de 2019, último exercicio sen impacto das restricións de mobilidade pola pandemia, e un 60% respecto ao exercicio anterior.

Un xabaril
Un xabaril | Fonte: Europa Press

Así o pon de relevo os resultados do Informe do Centro de Estudos e Opinión Ponlle Freo-AXA de Seguridade Viaria sobre colisións de vehículos contra animais, que sitúa o xabaril como o protagonista e Castela e León como a comunidade autónoma con maior sinistralidade.

Os autores deste estudo destacan que o ano 2021 pechou como o exercicio de peor sinistralidade na estrada dos últimos anos en canto a colisións con animais, consolidando unha tendencia á alza que só rompeu 2020 polas restricións de mobilidade.

"O incremento da poboación de animais cinexéticos e a súa saída en busca de alimentos puido provocar o incremento da sinistralidade, moi significativa o ano pasado e aínda por riba dos niveis prepandemia de 2019", dixo Josep Alfonso, director xeral do Centro de Estudo.

A investigación revela que o xabaril é o animal que máis sinistros provocou o ano pasado cun 36% da sinistralidade, seguido do corzo (26%) e o can (20%). Estes tres animais representan o 82% do total. No lado contrario, só lebres e raposos protagonizan un menor número de incidentes.

Por territorios, Castela e León (25%), Galicia (17,6%) e Cataluña (10,6%) concentran máis da metade dos accidentes de tráfico con animais, mantendo sd tres primeiras posicións no ranking dos últimos anos.

Respecto da tipoloxía de animais, mantense o ranking das CCAA en canto aos animais cinexéticos, mentres que Andalucía pasa a ocupar a primeira posición no que respecta aos animais domésticos.

Por provincias, Burgos (6,7%) é a de maior sinistralidade total con animais, seguida por Ourense cun 5,5% que, xunto a León e A Coruña (ambas as dúas cun 4,4%), pechan as posicións con maior sinistralidade en España.

Coincidindo coa época de caza, son os meses de outubro, novembro, e decembro os que rexistran unha porcentaxe de sinistralidade máis alta. Estes tres meses concentran o 30,2% dos accidentes, fronte a xaneiro, que é o mes que rexistra menor sinistralidade.

No caso do día da semana, o venres é o máis perigoso, rexistrando o 15% dos accidentes con animais, seguido dos mércores (14,8%) e os martes (14,6%). No lado oposto atopámonos co xoves, o día con menor probabilidade de sufrir un accidente cun animal (13,4%).

Para a realización deste informe usouse información da base de datos interna de AXA España, que analizou 6.676 sinistros provocados por colisión con animais, entre o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta