Farlopa Fanzine, o proxecto nacido en Verín para crear unha comunidade de “xente que fai cousas”

Coñecemos a Sabela Souto, da Pousa en Monterei, e a Alejandro Nieves, de Verín. Entre os dous tiraron para adiante unha interesante iniciativa nacida en tempos de pandemia: publicar un fanzine onde dar a coñecer e facer confluír todo o potencial artístico-cultural de Verín e contorna. Falamos con eles.

Por X.M. Fernández | Verín | 04/04/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Alejandro Nieves, un dos artífices de Farlopa Fanzine, cóntanos que estudou ADE e Publicidade e RRPP en Madrid para despois ‘profesionalizarse’ en Xestión Cultural na USC. Dende cativo estivo moi ligado ao mundo cultural, como gaiteiro en varias agrupacións e formando parte de asociacións culturais, e co tempo foi descubrindo aquilo que lle facía feliz. En palabras del “descubrín que o meu ‘hobbie’ tamén era un traballo e que os meus estudos podían servir para facer o ben”.

Número 1 de Farlopa Fanzine
Número 1 de Farlopa Fanzine

Sabela Souto é a outra pata imprescindible e fundacional do proxecto. Estudou comunicación Audiovisual en Pontevedra, xa que dende cativa é unha apaixonada da fotografía, e o seu Erasmus fíxoo na Universidade Católica de Porto. Este paso por Portugal serviulle, segundo ela mesma explica, “para descubrir o meu amor polo documental, tanto na fotografía como no audiovisual, animándome a realizar varias curtas centradas no mundo rural do que veño”. Do mesmo xeito que Alejandro, Álex para os amigos e amigas, tamén estivo ligada dende pequena ao mundo cultural.

Os dous tiveron unha idea romántica, deixar por escrito e en formato físico que en Verín hai “xente que fai cousas”. E máis ou menos así foi como naceu ‘Farlopa Fanzine’, un interesante proxecto onde dan a coñecer e fan confluír todo o talento creativo, artístico e cultural de Verín. A revista vai camiño do cuarto número, que verá a luz para os Maios, e compleméntase coa actividade divulgativa a través das súas redes sociais: Facebook, Twitter e Instagram.  

Contactamos con eles para coñecer máis detalles desta historia dinamizadora de ámbito local.

Como chegades a este proxecto cultural bautizado como Farlopa Fanzine e que oco queriades encher?

Álex e Sabela de 'Farlopa Fanzine'. Foto: FF
Álex e Sabela de 'Farlopa Fanzine'. Foto: FF

(Sabela) Durante o confinamento fixemos unha videochamada por outros temas e saíu a idea do fanzine, xa que a miña compañeira de piso daquelas tiña un. A verdade é que en Verín sempre andamos cada un ao seu e non sabemos demasiado sobre o traballo dos demais. Así que o obxectivo era ese, unirnos máis e poder colaborar os uns cos outros tendo un punto en común onde coñecernos mellor, iso sería Farlopa Fanzine.

"A verdade é que en Verín sempre andamos cada un ao seu e non sabemos demasiado sobre o traballo dos demais"

Todo empeza en plena pandemia e cunha revista impresa. Contádenos.

(Sabela) Foi unha idea baseada no fanzine Infumable, que eu coñecía en Pontevedra por ser unha das creadoras a miña amiga Afra. Xa tiña falado con algunhas persoas no tempo previo a coñecer o Álex sobre a idea de ter un fanzine verinense onde publicar os traballos dos artistas locais e así crear unha rede que nos permitira colaborar máis entre nós. Farlopa Fanzine, aínda sen nome, xa era unha idea dentro da miña cabeza, só faltaba o Álex para que se fixera realidade; e así, durante unha chamada daquelas do confinamento, a idea consolidouse. Nunca pensamos en algo dixital, cremos que sendo físico o público dálle outro tipo de atención, unha atención diferente, xa que non acostumamos a tocar aquilo que lemos, é algo diferente a día de hoxe, e iso gústanos.

Co boom das comunicacións virtuais e as redes sociais, que atractivo atopades no formato fanzine impreso?

(Alejandro) Precisamente iso, non ser un proxecto máis. Non crear un contido que desapareza en dúas horas. Quizais co formato impreso chegamos e menos xente, pero tamén sabemos que aqueles aos que chegamos vanlle dar moito máis valor. Os días que estreamos fanzine vemos xente léndoo mentres toma algo cos amigos nun bar. Ou xente que nos di que garda todos os números na casa de recordo.

"Quizais co formato impreso chegamos e menos xente, pero tamén sabemos que aqueles aos que chegamos vanlle dar moito máis valor"

De feito, deixamos algúns exemplares na Biblioteca Municipal. Queremos que sirva para que no futuro a xente vexa nunha colección “quen facía cousas” en Verín nestes anos. Isto non implica que non fagamos cousas online tamén. Na combinación está o curioso.

Pero o proxecto vai máis alá, non se reduce a recoller nesa publicación o movemento cultural de Verín e contorna, verdade?

(Alejandro) O proxecto foi collendo forma e deformándose co paso dos meses e das ondas Covid. Si, Farlopa vai máis alá dunha publicación. Aspiramos a tecer redes e crear unha comunidade de “xente que fai cousas”. Nestes case dous anos organizamos concertos, foliadas, mesas redondas, campañas de concienciación… E todo o que non puidemos facer polas restricións…

Temos moitas ganas de volver organizar pequenos eventos onde a xente poida encontrarse, crear e desfrutar.

Contádenos experiencias, anécdotas que xustifiquen e doten de valor o voso proxecto.

(Sabela) Quizais o que máis nos sorprendeu foi a interxeracionalidade. A xente de 20 anos coñece o proxecto, pero a de 60 tamén. Tanto nos fanzines coma nos eventos procuramos xuntar perfís diferentes para xerar conexións entre todas. E ten funcionado!

Ás veces fálannos para que apoiemos a difusión dalgún proxecto. Esa debe ser a anécdota xeral máis destacable, porque amósanos que antes non existía ningún altofalante para a cultura da casa, para a xente “que fai cousas”.

En que consistiu e como foi o voso proxecto “Sónasme” e como funcionou?

(Alejandro) ‘Sónasme’ consiste en gravar a un artista musical tocando na Casa do Comercio, que é a casa máis emblemática da Praza Maior de Verín. É un proxecto aínda vivo, con isto queremos dicir que se algún músico está a ler este artigo, por favor, queremos gravarche un vídeo, só tes que falarnos. É verdade que está algo parado debido a que pasamos períodos de tempo en Verín e outros nas nosas cidades de residencia, ademais de estar a desenvolver outros proxectos á vez, por iso é máis complicado. Pero repetimos, es músico e gostarías de participar? Só tes que falarnos, estamos aquí para ti. Revisa a nosa canle de Youtube e se che gusta o que ves, fálanos, é gratis (rin).

O pulo cultural de Verín nestes últimos anos, supoñemos que favorece o voso labor divulgativo e creativo. É así?

(Sabela) Si…e non. Ao final nacemos durante un parón moi grande, por ese lado a resposta é non. É certo que puidemos suplir algunhas carencias por nós mesmos grazas a iso, por exemplo cos concertos que organizamos no Bar A Mercé. Por outra banda, a nós todo o que se realice a nivel cultural favorécenos, xa que podemos crear contido e vemos a nosa vila máis viva, algo que sen dúbida se atopa entre os nosos principais obxectivos. Non só creando iniciativas propias, senón apoiando a todo aquel que queira desenvolver un proxecto cultural en Verín. A unión fai a forza, é algo que nos empeñamos en demostrar unha e outra vez, e por nós, canto máis se faga, mellor!

"...en Verín nótase que hai moito máis movemento cultural que anos atrás"

Non tendo en conta o parón da pandemia, os novos tempos de Verín, con máis iniciativas culturais impulsadas polo concello, axuda?

(Alejandro) Por suposto. O concello empezou e a semente plantouse antes da pandemia. Agora cremos que xa se perdeu o medo a facer cousas e a xente está animándose de novo. Se ben o labor do concello segue sendo importante diríamosche que hoxe en día hai moita axenda de actividades privada. En Verín nótase que hai moito máis movemento cultural que anos atrás.

Tedes pensado darlle forma xurídica e/ou empresarial a Farlopa Fanzine ou seguides coa filosofía ‘altruista’ do comezo?

(Sabela) Farlopa sempre terá unha base altruista, pero ambos buscamos un labor profesional adherido, aínda que esta leve outro nome. Unha parte de nós é altruísta e é Farlopa, mais esa non é a única parte que temos en común, nin tampouco por separado.

Proxectos para este 2022?

(Alejandro) Primeiro de todo sacar varios números do Fanzine que xa estamos a preparar, que a xente que fai cousas fixo moitas nestes últimos meses e temos que contarllas ó mundo. Máis alá diso, “se vienen cositas” para a primavera e o verán que daremos a coñecer a través das nosas redes sociais.

E para rematar, o de ‘Farlopa’ por que? Non vos creou ningún malentendido?

(Sabela) Queriamos darlle outro significado á palabra e claro está, meter a retranca no noso nome. Malentendidos uns cantos… máis que nada porque para nós Farlopa xa é algo completamente diferente e utilizamos a palabra con toda a normalidade do mundo, é máis, usámola con orgullo, e claro, o significado para moitas persoas aínda non mudou e iso crea confusión cando nos ouven falar. Por iso temos que chegar a máis xente e que a palabra Farlopa mude para todas e todos!

Número 3 de Farlopa Fanzine
Número 3 de Farlopa Fanzine
Campaña 'Elas fan' de Farlopa Fanzine. Foto: FF
Campaña 'Elas fan' de Farlopa Fanzine. Foto: FF
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 galegÓN

Xente nova e leña verde... Non todo é fume.