Masiva manifestación de bateeiros para que a Xunta amplíe "xa" as zonas de recollida de mexilla

O 30 de abril acaba o prazo de recollida da cría de mexillón e denuncian que o 50% das bateas están baleiras.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/04/2022 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

Miles de persoas percorreron este domingo as rúas de Santiago de Compostela para reivindicar que "sen mexilla, non hai mexillón e non hai futuro" para o sector bateeiro, polo que instan a Xunta de Galicia a que amplíe "de forma inmediata" as zonas de recollida de cría de bivalvo. E é que o tempo xoga na súa contra dos profesionais do sector porque o 30 de abril remata o prazo para a recollida de cría de mexillón e aseguran que a metade das bateas están nestes momentos sen mexilla.

Manifestación do sector bateeiro en Santiago de Compostela
Manifestación do sector bateeiro en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press.

Representantes do sector din sentirse "enganados" pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, xa que aseguran que na última reunión que mantiveron acordaran acudir a revisar as zonas e, á hora de ir presencialmente ás pedras para comprobar cal era a situación real da mexilla neses lugares, a Xunta non contou co sector, que denuncia que nin sequera saben se finalmente foi persoal da administración, nin "cal foi o resultado do que fixeron".

O presidente da Organización de produtores de Mexillón de Galicia (Opmega), Ricardo Herbón, manifestou que as reivindicacións son claras: "se non temos mexilla para sementar, o futuro do mexillón está acabado".

Na mesma liña expresouse o presidente da Asociación de mexilloeiros Cabo de Cruz (Asmecruz), Juan José Piñeiro, que asegurou que o sector está "indignado" e cualificou de "incomprensible" a postura da Consellería do Mar de "non facer nada".

CONVIVENCIA CO PERCEBE

Así mesmo, o sector denunciou que os plans de explotación específicos do percebe aprobados o pasado decembro reservan para ese crustáceo numerosas zonas nas que tamén hai mexilla e nas que agora non se permite a súa recollida, o que significa que as zonas onde os bateeiros se abastecían "desde hai 70 anos" redúcense en "máis dun 80%".

Sobre isto, os profesionais do sector aseguran que moitas das zonas vermellas nas que agora se prohibe a recollida de mexilla, a presenza do percebe "non é significativa", mentres que da semente do mexillón si o é.

En todo caso, Juan José Piñeiro insistiu en que os bateeiros non teñen "ningún problema" cos percebeiros porque só recollen a mexilla, non os percebes. A pesar disto, explicou que desde o sector preguntouse se algún bateeiro foi sancionado por coller percebe e "non hai ningunha sanción", polo que entenden que é "un ataque gratuíto".

Piñeiro argumentou que, se de verdade eles prexudicasen o percebe, non habería crustáceo nas pedras porque os traballadores do sector levan "70 anos" collendo mexilla, o que demostra que a convivencia cos percebeiros é "perfectamente posible" e pódense compatibilizar ambas as actividades.

Ademais, criticou que os informes biolóxicos esgrimidos pola Consellería para decretar as zonas de cada especie son "irrisorios".

Na marcha multitudinaria, encabezada por un grupo de percusionistas e que partiu da zona traseira da Alameda compostelá para posteriormente chegar á Praza do Obradoiro, participaron empresarios, traballadores e veciños das localidades máis afectadas por esta situación. Desde Boiro ata Bueu, pasando por Rianxo ou O Grove, miles de persoas demandaron este domingo unha solución para o sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta