A Xunta alega contra a intención do Goberno de obrigar por lei a esterilizar os cans de caza

A administración defende que supón un prexuízo para os seus donos, polo que solicita introducir unha "excepción" na futura norma, tal e como se prevé no caso dos cans de pastoreo e manexo de gando.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2022 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia acaba de presentar alegacións contra a intención do Goberno central de introducir por norma a obrigación de esterilizar os cans que se dediquen a desenvolver actividades cinexéticas, unha das novidades incorporadas no anteproxecto de Lei de protección, dereitos e benestar dos animais, actualmente en tramitación.

Este foi un dos asuntos que se abordaron durante o Comité galego de caza, no que, segundo informou a Xunta nun comunicado, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, expuxo as principais alegacións feitas ao texto normativo en relación a aspectos de interese para o sector.

Neste sentido, a responsable autonómica explicou que, segundo o artigo 42.3 do anteproxecto, aqueles cans que desenvolven e sirvan de apoio durante a actividade cinexética deberán ser esterilizados en todo caso xa que no exercicio das súas funcións estarán en contacto con exemplares de distinto sexo e non será posible mantelos separados entre si.

Esta obrigación, como indicou, supón un prexuízo para os seus donos, polo que a Xunta solicita ao Goberno central que introduza unha "excepción" na futura norma, tal e como se prevé no caso dos cans de pastoreo e manexo de gando.

Aproveitando que no Comité galego de caza están representadas as principais asociacións de cazadores e outros grupos ligados ao sector, así como as organizacións relacionadas coa natureza, Do Campo indicou que no marco do tramite de audiencia da lei estatal a Xunta tamén fixo constar o seu desacordo con que se esixa unha licenza de caza para poder ser titular dun can destinado a este tipo de actividades.

De feito, argumentou que este requisito choca coa propia Lei de Caza de Galicia que, no exercicio das competencias "exclusivas" que ten asumidas a Xunta na materia, sinala que existen cometidos dentro das accións cinexéticas que non implican necesariamente a posesión dunha licenza, como é o caso dos observadores, auxiliares ou acompañantes.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, na reunión do Comité galego de caza. CONCHI PAZ / XUNTA / Europa Press
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, na reunión do Comité galego de caza. CONCHI PAZ / XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta