O PPdeG denega mocións do BNG para promover fábricas de semiconductores e medidas ante a inflación

Os nacionalistas censuran a "nula defensa" que fai o PP da industria.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/04/2022 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

O PPdeG votou en contra de senllas mocións do BNG que pasaban por impulsar un plan galego de automoción, coa promoción da instalación de fábricas de semiconductores, así como por unha batería de medidas ante a inflación. No Pleno do Parlamento autonómico, María do Carme González Igrexas (BNG) censurou a "nula defensa" que fai o PP da industria a pesar de contar con "competencias plenas". Pregúntase "que está a facer o Goberno galego para garantir que se implantan fábricas de semiconductores en Vigo".

Moción sobre automoción rexeitada polo PPdeG no Pleno do Parlamento
Moción sobre automoción rexeitada polo PPdeG no Pleno do Parlamento | Fonte: Europa Press

Critica a inacción da Xunta tras perderse 1.500 empregos na automoción en 2021, sen fábrica de baterías para a área de Vigo nin subestación, á vez que se está "precarizando" a situación do sector.

Sobre esta cuestión, o Grupo Popular presentou unha emenda con tres puntos para pór deberes ao Executivo central, que non foi aceptada polos nacionalistas. Teresa Egerique (PP) censurou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ten que facerlle "favores aos seus socios independentistas", segundo di, "apoiando" o sector da automoción no Mediterráno "a costa" do galego.

Pola súa banda, Leticia Galego (PSdeG) destacou que este mesmo luns o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou un polo estratéxico de semiconductores en España con 11.000 millóns. "Isto si son medidas", afirmou, "non vir aquí e contar contos", reprochou aos populares.

A socialista afea á Xunta que "esquece" que ten as competencias en industria, pois Feijóo non ofreceu ningunha "solución" a unha crise que pon en risco "miles de empregos" en Galicia pola marcha de empresas a Portugal.

INFLACIÓN

Por outra banda, Noa Presas (BNG) presentou unha moción na que demandaba diferentes propostas ante a inflación disparada. Entre outras, pedía unha reforma do IRPF para unha maior progresividade e medidas para a deflación da tarifa do IRPF autonómica, así como aprobar axudas directas aos sectores agrogandeiro e do mar, unido a un aumento da Risga.

A súa intervención serviu para alertar de que, previsiblemente, o IPC galego superará o 10% de suba, por enriba da media española no último mes. Resalta que os galegos, ademais de que se están "empobrecendo máis rápido que o resto do Estado", conta con salarios e pensións máis baixas que o resto do Estado, ao que se suma "menos capacidade de resistencias" polas políticas populares.

Con todo, quéixase de que o PP "está máis preocupado en salvar as súas propias siglas que en atender a situación de emerxencia que viven os galegos".

Nesta liña, Begoña Rodríguez (PSdeG) reprochou que, fronte á "publicidade e propaganda" da Xunta de Feijóo, o Goberno de Pedro Sánchez "si xestiona, goberna e aproba medidas que afectan á vida das persoas".

En contraposición, Pedro Puy (PPdeG) refugou a moción do Bloque. Considera que corrixir a progresividade "nada máis" que deflectando a tarifa galega suporía que "as retencións van seguir sendo as mesmas e non van ter ningún efecto na cidadanía". Tamén critica que o Bloque "quere que se pague con fondos autonómicos" as axudas ao sector primario cando depende de partidas da UE e España.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta