Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2022 | Actualizada ás 10:00
O sector dos medios galegos segue vendo nacer iniciativas novas que achegan diferentes propostas ao público galegofalante. A derradeira en saír á luz é 'O ferrado', unha web posta en marcha por distintos mozos do país --algúns deles localizados na emigración-- e que, segundo destacan, pretende "a divulgación cultural, política e lingüística de todos os aspectos relacionados coa Galiza".
O colectivo tras tal portal defínese como galeguista, de aí que teña tamén por fin o espallamento de "calquera representación social e artística, así como a manifestación do sentir popular que acredita no propio país". "Aspirando a reflectir as distintas visións da nación e a traballar pola súa defensa e o seu respecto", inciden. Esa pluralidade viría determinada, precisamente, pola propia medida do ferrado, típica de Galicia pero diferente en distintos puntos do país, como apuntan neste vídeo a modo de 'teaser' gravado por estudantes da Escola Audiovisual da Universidade de Vigo.
Segundo destacan, o proxecto atópase xa construído e teñen intención de presentalo aos Premios Provinciais á Xuventude na categoría audiovisual. Unha breve ollada á páxina web permite comprobar o amplo abano temático abranguido polos promotores da iniciativa, que achegan esa ollada plural tanto no tocante á lingua galega como no relativo á política. En suma, unha iniciativa para "construír o futuro do país" tendo en conta o pasado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.