Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/04/2022 | Actualizada ás 22:00
"Unidade" e unha sucesión "sen leas". Son as verbas que máis se están escoitando últimamente entre os dirixentes do PPdeG. Unhas peticións á calma que deixan entrever as dificultades que hai no maior partido de Galicia para acometer a sucesión de Feijóo. Un presidente da Xunta interino que ten a "cabeza en Madrid". Algo que din en público os dirixentes da oposicion e en privado destacados cargos do seu partido.
E é que a súa decisión de deixar Galicia por Madrid abriu unha crise sen precedentes no PPdeG que, desde a sucesión de Fraga, non sufría fisuras de ningún tipo baixo o dominio absoluto que sobre o partido exercía o propio Feijóo. Pero desde que decidiu mudar San Caetano pola rúa Génova, non hai xeito de acomodar as peticións que os distintos baróns do partido fan tanto polo alto como polo baixo.
Unha situación que ameaza con crear un pequeno cisma, con declaracións cruzadas, que fixo intervir este mércores ao propio Feijóo tras o posicionamento de baróns como o ourensán Manuel Baltar ou o coruñés Diego Calvo, a favor dun congreso para elixir o seu sucesor no partido. "As opinións son perfectamente lexítimas, pero non está pechada a vía para a substitución. Todo se fará conforme o que desexe o PPdeG", dixo.
O PODER DOS BARÓNS
O certo é que no fondo hai dúas visións diferentes sobre como debe de ser esta sucesión. Os baróns e líderes provinciais, como Baltar, Calvo ou Elena Candia, queren un congreso provincial coa participación dos militantes. Pola contra, Rueda e o propio Feijóo se decantan por un nomeamento a dedo no Comité Executivo do partido, un órgano no que están todos os pesos pesados do PPdeG.
O xeito de escoller ao sucesor de Feijóo non é baladí. Os baróns queren un congreso para "atar" ao seu sucesor e manter esferas de influencia no partido e no goberno da Xunta. "A idea é utilizar o poder local e provincial da militancia para conseguir ventaxas", asegura un histórico dirixente popular. "Non é algo novo. No PP de Fraga era unha práctica común, e mesmo no PP de Feijóo, especialmente, no caso de Ourense", asegura.
Pero Feijóo decantase por unha elección no Comité Executivo para evitar, precisamente, o inicio dunha guerra interna polo poder en Galicia. No PPdeG case todos apuntan xa a Alfonso Rueda, que, a priori contaría co visto e prace do presidente saínte, pero non de moitos baróns que cren que pode ser unha saída temporal para a Presidencia da Xunta pero non para dirixir o PPdeG. "De aí o interese en convocar un congreso para que ceda ante certos dirixentes", apunta a fonte consultada.
FEIJÓO AVISA
"Imos cumprir todos os prazos e faremos o que digan os Estatutos do partido, que é o que toca", advertiu este martes en declaracións aos medios Feijóo, onde asegurou que non sente "ningunha preocupación" polas declaracións dos presidentes provinciais, xa que "todas son perfectamente lexítimas, todas son entendibles e todas son perfectamente respectuosas".
Iso si, advertiu que o congreso non é a única vía "democrática" para elixir un sucesor. "Todo o que din os Estatutos dun partido democrático é democrático", sentenciou. Os Estatutos do PPdeG contemplan a vía dun congreso para resolver unha substitución precipitada tras unha renuncia, pero non só esa fórmula se non tamén a posibilidade de que o sucesor sexa ratificado a través do acordo do Comité Executivo, que neste momento estaría lexitimado despois de ser renovado no verán.
UNIDADE
Por outra banda, non son poucos os dirixentes que, conscientes da dificultades do PPdeG, piden calma. Así, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reivindicou a "unidade" do Goberno galego e negou que o proceso sucesorio pola saída do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vaia a provocar "ningún enfrontamento, escisión, nin nada que se lle pareza".
Tamén o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e recentemente nomeado vicesecretario de organización do PP por Alberto Núñez Feijóo, asegurou, respecto da sucesión en Galicia, que non haberá "unha gran lea" e que, "aínda que son lexítimas as ambicións de todo o mundo", a prioridade é "ser útiles a Galicia". "Se pomos o interese xeral por encima de intereses particulares, acertaremos", comentou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.