O PSdeG acusa ao BNG de "poñer en dúbida" a masacre de Bucha e pide a Pontón que desautorice a Rego

Mostra a súa "perplexidade" pola postura dos nacionalistas na guerra de Ucraína. Promoverá iniciativas nas institucións para condenar esta masacre.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2022 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, manifestou este xoves a súa "perplexidade" ante a posición do BNG sobre a guerra de Ucraína e pide a súa portavoz nacional, Ana Pontón, que desautorice ao deputado no Congreso Néstor Rego.

Nun comunicado remitido aos medios, o dirixente socialista asegura que a postura do Bloque mesmo "pon en dúbida a veracidade do masacre de Bucha, confirmada por diversas institucións e organismos internacionais".

Neste sentido, sostén que a posición do BNG sobre a invasión de Ucraína por parte de Rusia está "moi afastada do sentir maioritario do pobo galego" e ve preocupante que a formación nacionalista galega estea máis "obsesionada coa OTAN" que polo sufrimento de millóns de persoas vítimas da guerra de Putin, que ven ameazadas as súas vidas e que teñen que fuxir apresuradamente do seu país".

O PSdeG tamén expresa a súa admiración pola "coraxe" demostrada polo presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, na defensa do seu país e reproba que, coincidindo coa súa intervención no Congreso dos Deputados, o parlamentario do BNG Néstor Rego "cuestionase a destrución e barbarie de Bucha pedindo unha investigación independente e con garantías".

José Manuel Lage asegura que esta actitude representa un tic máis propio de "posicións antisistema que dunha forza política institucional". "Pedímoslle á señora Pontón que desautorice a Néstor Rego por pór en dúbida as imaxes e os datos que hai sobre o masacre de Bucha", reclama o secretario de Organización do PSdeG, que avanzou que os socialistas galegos promoverán iniciativas en todas as institucións para "condenar o masacre de Bucha, reafirmando a nosa solidariedade co pobo ucraíno e sinalando claramente aos agresores".

José Manuel Lage tamén sinalou que desde o PSdeG apoian a posición que está a manter o Goberno de España, xunto cos seus aliados no marco europeo e na Alianza Atlántica, de apoio a Ucraína, ao seu pobo, ao seu presidente, e tamén, por suposto, "ao envío de armas".
"Expresamos este apoio sen medias tintas, dentro da nosa participación na Unión Europea e na OTAN, e na defensa do goberno lexítimo de Ucraína.

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, en rolda de prensa. PSDEG
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, en rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta