Le Corbusier e Dalí danse cita no Gaiás cunha exposición sobre surrealismo

A mostra comprende case 300 pezas de distintos países e que abrangue dende 1924 até os nosos días.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2022 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

Un dos movementos artísticos e de pensamento máis influíntes da historia, con ramificacións en deseño, arquitectura, literatura ou pensamento en xeral e cunha repercusión que se estende xa máis dun século. O surrealismo toma desde este venres o Museo Centro Gaiás cos seus 'Obxectos de Desexo', unha mostra con 280 pezas que repasan o desenvolvemento e repercusión desta corrente a través dalgúns dos seus grandes nomes.

A exposición foi posible grazas á colaboración entre a Xunta, a Fundación 'a Caixa' e o Vitra Design Museu de Alemaña e trae ata a comunidade pezas singulares no ámbito do surrealismo, algunhas delas nunca vistas na comunidade e difíciles de contemplar noutros lugares.

Todo coa idea de traer á palestra que o surrealismo non é só un movemento artístico, se non unha forma de ver e entender o mundo que chega ata os nosos días. Por iso, destacan os responsables desta mostra, aínda que naceu nos anos 20 do século pasado, a súa influencia dura xa máis dun século, e aínda ten corda para longo.

En consonancia, a selección de pezas de 'Obxectos de Desexo' abarca unha liña temporal tan ampla como 1924-2020 e diversidade de formatos, como pintura, escultura, cinema, fotografía, debuxo, mobiliario, xoiaría, obxecto utilitario ou moda, entre outros.

Entre os nomes propios, destacan Man Ray, Giorgio de Chirico, Le Corbusier, Salvador Dalí, Leonor Fini, Ray Eames, Carlo Mollino, Achille Castiglioni ou Meret Oppenheim, entre outros, con pezas procedentes, ademais do Vitra Museum, da Fundación Le Corbusier de París, a Fundación Giorgio e Isa Chirico de Roma, o museo de arte de San Diego, en Estados Unidos, o West Dean Collegue de Reino Unido e o museo de deseño Dean Bosch de Holanda.

A instalación, creada especificamente para a mostra e que destaca pola súa potente carga visual, está dividida en catro apartados: 'Soños de modernidade', centrado en explorar os inicios do surrealismo; 'Imaxe e arquetipo', que profunda no compoñente absurdo, na confusión e nos mecanismos que os artistas e deseñadores empregan para alterar o cotián; 'Surrealismo e erotismo', sobre a súa influencia en temas como o amor, a sexualidade ou os roles de xénero; e 'O pensamento salvaxe', que descobre a relación entre etnografía e surrealismo e sinala aspectos como o fluxo libre ou a escritura automática.

'Obxectos de Desexo', comisariada polo director do Vitra Design Museum, Mateo Kries, pasou, antes da súa chegada a Santiago, por Barcelona, Madrid, Sevilla e Xirona. Enmarcada na programación do Xacobeo 21-22, terá Londres como próxima parada.

Obxectos de Desexo, nova exposición sobre o surrealismo no Museo Centro Gaiás.
Obxectos de Desexo, nova exposición sobre o surrealismo no Museo Centro Gaiás. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta