A Xunta rexeita a proposta do Goberno central para repartir as axudas por danos causados polo lobo

Asegurar que, cos criterios suxeridos, non se ponderaría dunha forma xusta o peso e presenza desta especia en cada territorio.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/04/2022 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

A Xunta mostrou o seu rexeitamento á proposta do Goberno central de repartir os fondos destinados a indemnizar os danos causados polo lobo ao asegurar que, cos criterios suxeridos, non se ponderaría dunha forma xusta o peso e presenza desta especia en cada territorio.

Lobo
Lobo | Fonte: Amigos da Terra.

Esta foi a postura defendida este xoves pola directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Belén do Campo, ante a directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertización do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, María Jesús Rodríguez, que convocou a unha reunión por videoconferencia aos representantes de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León para falar sobre a xestión das axudas do lobo e emprazalos a remitir as súas propostas ao respecto antes do próximo 21 de abril.

En nome da Xunta, conforme sinalou o Executivo autonómico, Do Campo xustificou o seu rexeitamento á proposta estatal sinalado que estas catro comunidades concentran o 95% dos exemplares de lobo ibérico de todo o Estado.

Por iso, incidiu en que "carece de sentido" que o Goberno central propoña unha repartición dos fondos destinados a previr posibles ataques no sector agrogandeiro sen ter en conta todo o peso da presenza real destes animais nos distintos territorios.

Belén do Campo sostivo que o número de mandas de lobos existentes en cada territorio debe ser un "factor fundamental" á hora de asignar o diñeiro prometido para as axudas de prevención, así como os datos reais de danos comprobados.

Así mesmo e no caso dos fondos destinados a paliar o impacto que ocasionen estes animais nas explotacións gandeiras, a responsable galega considerou necesario neste caso valorar o número de cabezas de gando en extensivo e semiextensivo de cada territorio; pero lamentou que, na proposta trasladada polo Goberno central unicamente se teñen en conta os exemplares de vacún, obviando os posibles ataques que se poidan rexistrar a ovellas, cabalos e outras especies gandeiras.

Por último, os representantes de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León coincidiron en pedirlle á directora xeral que axilice os trámites e prazos necesarios para que as comunidades poidan dispor dos fondos comprometidos xa que, no caso contrario, córrese o risco de que non se poidan executar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta