A Xunta utiliza os argumentos de Almeida para xustificar o contrato anulado pola Xustiza en Manzaneda

O BNG identifica un "modus operandi" de "uso discrecional de fondos públicos" do Partido Popular similar o da Gürtel.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2022 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, achaca á "urxencia" e ao "interese público" optar pola vía dun contrato negociado e sen publicidade para adxudicar á empresa Artabria Turismo a xestión da estación de esquí de Manzaneda (Ourense), que foi anulado polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Ourense.

Na Comisión de Economía do Parlamento galego, a deputada do BNG Noa Presas esixiu a dimisión de Nava Castro tras a sentenza "demoledora" que reflicte "un dedazo mal feito" por parte da Xunta. En resposta, Castro acusou ao Bloque de "querer desgastar a imaxe de xestión do Goberno galego".

A responsable de Turismo de Galicia remarca que o fallo "é recurrible", de forma que a sociedade pública Estación de Inverno Manzaneda S.A. (Meisa) --participada maioritariamente por Xunta e Deputación de Ourense-- presentará recurso de apelación para "clarificar" que o proceso se levou a cabo segundo a lei de contratos do sector público, asegura. Mentres non haxa sentenza firme, a adxudicataria poderá seguir coa xestión, agrega.

Así, Castro relatou todo o proceso relativo a esta adxudicación. Apunta que, ante o aviso da anterior adxudicataria de non querer seguir a partir do 31 de decembro de 2020, abriuse un proceso que quedou deserto ao ser excluídas dúas ofertas por "cometer erros". Sostén que os prazos impedían optar por un trámite ordinario, o cal duraría uns cinco meses, polo que se decidiu usar a vía negociada sen publicidade por motivos de "urxencia" e "interese público", o que recaeu nunha xestión "transitoria" de Artabria. "Ou se tomaba esta solución ou a alternativa era o peche da instalación e o despedimento de traballadores", asevera.

Ademais, indica que o fallo se refire a un "erro de forma" sen censurar o proceso nin a xestión da empresa. Paralelamente, Nava Castro avanza que Meinsa prepara novos pregos para pór en marcha, "de forma inmediata", un novo concurso aberto.

"MÁXIMA RESPONSABLE"

Pola súa banda, Noa Presas acusou a Nava Castro de ser a "máxima responsable" porque "non tiña potestade para autorizar" ese contrato, no que cualifica de sentenza "escandalosa" por unha "nefasta xestión".

A continuación, denunciou as "numerosas irregularidades" ao redor da xestión da estación de esquí de Manzaneda. Lembra que hai informes do Consello de Contas desde 2015 nos que se alerta de que non se rendían contas, pero o PP "sempre vetou" a fiscalización de millóns de euros públicos investidos. E é que, a pesar a "sombra de chapuza e mala xestión", a Xunta "segue sen atender por un cambio de modelo".

Xunto a isto, referiuse a a nova condena da Audiencia Nacional ao PP pola trama de Gürtel, o que identifica nun "modus operandi" de "uso discrecional de fondos públicos" do Partido Popular, que relaciona co proceder en Manzaneda. Estas palabras valéronlle unha reprimenda da popular Paula Prado para que "non lance insidias infundadas". En cambio, a deputada nacionalista pediu coñecer cal é a relación da empresa adxudicataria cos populares.

A estación de esquí de Manzaneda con neve
A estación de esquí de Manzaneda con neve | Fonte: Meteogalicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta