Critican o descenso de tres millóns de euros no orzamento para políticas lingüísticas

O BNG precisou que non están de acordo en "deixar a formación de Celga sen presencialidade" e demandou "fórmulas paralelas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2022 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, puxo en valor o labor do seu departamento en incrementar a atención a novos falantes de galego e defendeu o traballo da Xunta en implementar políticas lingüísticas "tamén para eles". Así, García valorou a "modernización" nos cursos Celga para adultos no ano 2021 coa apertura da posibilidade de "autoformación" na modalidade Celga 1, nos que "unha máquina con técnicas logarítmicas" responde as accións do alumnado sen necesidade dun titor.

Neste sentido, destacou que neste tipo de formación xa participaron 3.300 persoas, unha modalidade que, asegurou, é "a que máis interesa ás persoas que non saben ou non tiveron ningún contacto co galego". Así mesmo, indicou que a maioría das persoas matriculadas eran novas falantes ou residentes fóra de Galicia. Por iso, avanzou que xa comezaron a implementar este modelo de "autoaprendizaxe" nos niveis Celga 2 e Celga 4. No primeiro, anunciou que desde a súa apertura, hai un mes, xa se inscribiron máis de 100 persoas e no segundo, máis de 300.

O responsable de Política Lingüística compareceu este venres a petición propia en comisión parlamentaria para render contas da actividade do seu departamento ao longo do pasado ano e para informar as accións anuais e a planificación de programas de fomento da lingua galega para 2022. García recoñeceu que o 2021 "non foi un ano fácil" para levar a cabo accións de planificación e normalización lingüística, pero reivindicou que impulsaron máis de 1.000 accións de dinamización durante todo o ano ao longo de todo o territorio.

Entre elas, ademais de múltiples actividades relacionadas co ámbito musical, académico ou audiovisual, subliñou a importancia da proxección externa da lingua e cultura galega e, sobre isto, valorou a interacción con docentes doutros lugares como Londres, Buenos Aires ou o Bierzo, que imparten galego fóra das nosas fronteiras.

García tamén quixo prestar atención ás políticas destinadas á mocidade e ás familias, especialmente, argumentou, a familias que pensen en empezar a utilizar o galego e, en concreto, "familias de perfil parcialmente 'galego falante' e que queiran formar parte de programas de posta en valor e de transmisión da lingua galega".

"Trátase de facer unha política lingüística cos pés na terra, enraizada na nosa terra e a nosa xente, e cunha especial atención á infancia e á mocidade", reafirmou.

TRES MILLÓNS MENOS DE ORZAMENTO

Pola súa banda, as deputadas do PSdeG e do BNG valoraron como "un bo dato" o número de persoas matriculadas no Celga 1 e a intención da Secretaría de poñer o foco nos novos falantes, pero, neste sentido, a nacionalista Mercedes Queixas precisou que non están de acordo en "deixar a formación sen presencialidade" e en "conformarse coa autoformación" e demandou "fórmulas paralelas".

A socialista Noa Díaz criticou que se eliminasen tres millóns de euros do orzamento dirixidos a dinamización da lingua galega dentro do plan de reactivación cultural. Díaz precisou que, se o que de verdade se persegue é "prestixiar e promocionar" a lingua, esa partida debería continuar ou ser estrutural.

Valentín García recoñeceu que o seu departamento ten este ano tres millóns de euros menos de orzamento, pero xustificouno en que se debe a que eses fondos proviñan do Fondo Xacobeo durante a pandemia e que este ano xa non teñen.

En todo caso, sinalou que isto "non é óbice" para presentar outras medidas dentro deste ámbito, como o proxecto 'Te Ce Redes', co fin de prover de materiais e actividades e converterse nun programa de dinamización lingüística e de transmisión xeracional dirixido ao público infantil, xuvenil e familiar.

CRÍTICAS Á DETURPACIÓN DO TOPÓNIMO 'SANXENXO'

Ademais, a deputada socialista Noa Díaz instou o secretario xeral de Política Lingüística a explicar a súa posición sobre a promoción do Xacobeo realizada nun programa de radio conducido polo xornalista Federico Jiménez Losantos no que se utilizou o topónimo 'Sanjenjo', en lugar do único topónimo oficial 'Sanxenxo'. Díaz pediu explicacións a García despois de que o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, en pleno parlamentario, recoñecese que o topónimo fora "mal" empregado, pero que "se conseguiu o obxectivo de promocionar o Xacobeo".

Valentín García defendeu o labor da Vicepresidencia Primeira como responsable do "portal de toponimia máis grande de España". Unha cuestión que para o secretario xeral demostra "o compromiso da Xunta coa oficialización da toponimia". "A única forma oficial é a galega e de aí non se moveu ninguén, por tanto a toponimia segue sendo unha das materias das que podemos presumir", subliñou.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, comparece en comisión parlamentaria. XUNTA DE GALICIA
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, comparece en comisión parlamentaria. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta