O sector hoteleiro afronta a Semana Santa cunha previsión de ocupación entre o 60 e o 80%

O nivel máximo de ocupación será nos días festivos, especialmente nos hoteis de catro estrelas ou superiores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2022 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

A Semana Santa deste 2022 podería ser a da 'resurrección' do turismo tras dous anos fortemente afectado pola pandemia. Así, se se cumpren as previsións, coa vista posta no tempo, o sector hoteleiro galego mantén unhas boas cifras, cunha ocupación media de entre o 60 e o 80%, en función das zonas.

Así o pon de relevancia unha sondaxe realizada polo Clúster Turismo de Galicia, que apunta a que o nivel máximo de ocupación será nos días festivos, entre o xoves 14 e o domingo 17 de abril, especialmente nos hoteis de catro estrelas ou superiores. O perfil do viaxeiro será maioritariamente estatal e de proximidade, aínda que algún destino, como Santiago de Compostela, comezou a recibir unha cifra significativa de turistas internacionais.

Aínda á espera das reservas de última hora, tanto a provincia de Pontevedra como a cidade de Vigo teñen reservada unha ocupación de en torno ao 60% entre xoves e domingo, apunta o Clúster, aínda que o sector prevé que se alcance o 70%. No caso concreto de Sanxenxo, os hoteis de catro estrelas e superiores están ao 70%, mentres que, se se teñen en conta todos os aloxamentos, a previsión é do 55%.

Os hoteis da cidade da Coruña, pola súa banda, prevén ocupacións superiores ao 70% e na Costa da Morte os datos roldan o 60%. A ocupación en Santiago será tamén do 70%, con maior afluencia no centro histórico. En canto aos datos da provincia de Lugo, varían significativamente segundo a zona. Mentres que na capital provincial e na zona de Terrachá se esperan cifras de ocupación en torno ao 65%, A Mariña estará, polo menos, ao 74% entre o xoves e o venres.

Así mesmo, o balance é "moi positivo" para a Ribeira Sacra, a máis demandada de Galicia, onde se esperan ocupacións superiores ao 88% entre xoves e domingo, e ao 80% no conxunto da semana. En Ourense tamén se espera unha ocupación de en torno ao 80%.

UN "MAGNÍFICO SINAL"

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou as boas perspectivas turísticas de cara á Semana Santa indicando que son "un magnífico sinal" para a tempada alta en Galicia. "A reactivación do Camiño xa é unha realidade, cuns 1.000 peregrinos diarios, e todo parece indicar que se poden alcanzar cifras prepandemia ou mesmo mellores, cifras case históricas", sinalou.

Habitación dun hotel. TURISMO COSTA DO SOL - Arquivo
Habitación dun hotel. TURISMO COSTA DO SOL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta