Rueda, sobre a sucesión: "Será tranquila. Estamos a falar internamente, nerviosos están os outros"

Ana Pontón cualifica de "temeridade" que o Goberno de Núñez Feijóo estea "paralizado"e Formoso considera unha "irresponsabilidade" que non resolva "xa" a súa sucesión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2022 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu na mensaxe de "tranquilidade e previsibilidade" para a sucesión de Alberto Núñez Feijóo á fronte do Goberno galego, cando se cumpre unha semana desde que asumiu as rendas do Partido Popular.

"Estamos a falar internamente e o que podo garantir é que imos facer as cousas ben, con tranquilidade e previsibilidade", abundou en declaracións aos medios en Tui, Alfonso Rueda, quen observou que "nerviosos están os outros", en referencia aos partidos da oposición.

"Estamos nesas dúas fases que levamos falando estes últimos meses, primeiro a fase de partido e agora na Xunta. Creo que a estabilidade e a previsibilidade, que diciamos, e a tranquilidade coa que se están facendo as cousas para facelo ben se está cumprindo", considerou Rueda sobre o proceso sucesorio, para o que hai voces, como as do presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, que pediu un congreso para a substitución do partido.

Rueda dixo que están "a falar internamente" e quixo "garantir" que as "cousas se van a facer ben". "Nerviosos están a porse os outros. Asistimos a discusións entre o PSOE e o BNG, pola posición do BNG e non me estraña, por Ucraína, disensións no Bloque... As discusións deixámolas para outros partidos", manifestou.

Arquivo - O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (1d); o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda (2d), e o vicepresidente segundo, Francisco Conde (3d), durante o debate do Estado da Autonomía de Galicia, no Parlamento galego,. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo
Arquivo - O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (1d); o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda (2d), e o vicepresidente segundo, Francisco Conde (3d), durante o debate do Estado da Autonomía de Galicia, no Parlamento galego,. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

ANA PONTÓN

Pola contra, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu en que é "unha temeridade" que "no medio dunha crise" Galicia teña un goberno "paralizado" e sinalou que "o que fai nestes momentos o Partido Popular é unha falta de respecto institucional, de respecto a Galicia e a todos os galegos, especialmente aos que confiaron na súa palabra".

"Preocúpame que, nun momento de crise, un goberno paralizado non está a ser capaz de pór nin unha soa medida para darlle aire aos galegos que están a sufrir a maior crise de prezos dos últimos 37 anos", afirmou. Ademais, censurou que Núñez Feijóo continúe cobrando como presidente da Xunta, pero traballe "exclusivamente" para o Partido Popular.

Nesta mesma liña, apuntou que nestes momentos hai "dúas cousas evidentes": que Feijóo é "o pasado" e que o próximo presidente do Executivo autonómico "non será o resultado dunha decisión dos galegos", senón dun "dedazo" do PP e do aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "a condición de que sexan capaces de solucionar as súas loitas internas de poder".

VALENTÍN GONZÁLEZ FORMOSO

Tamén o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, cualificou de "irresponsabilidade" que Alberto Núñez Feijóo aínda non resolvese a súa sucesión á fronte da Xunta e do PPdeG, mentres Galicia atópase en "o peor escenario económico e social" dos últimos "30 anos".

Ademais, o líder do PSdeG instou ao presidente da Xunta a "acelerar os tempos" porque asegurou que "por desgraza os tempos habituais neste tipo de sucesións non deben respectarse".

En declaracións aos medios con motivo dunha xornada de debate sobre a lei do xogo organizada polo PSdeG no Parlamento, Formoso lamentou que os colectivos afectados pola subida de prezos estean á espera de que a Xunta publique no Diario Oficial de Galicia as "poucas" medidas adoptadas polo Executivo galego para que sexan "efectivas". En contraposición, reivindicou que as medidas adoptadas polo Goberno central si foron publicadas no Boletín Oficial do Estado e "xa son efectivas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta