Unha muller recibirá máis de 100.000 euros de indemnización por parte de Portos de Galicia

Os feitos que deron orixe a este procedemento administrativo producíronse na madrugada do 4 de agosto de 2018 como consecuencia do mal estado dunha tapa de rexistro sen sinalizar no paseo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2022 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

Portos de Galicia deberá indemnizar con 104.604,49 euros a unha muller que sufriu un accidente no paseo da Calzada de Cambados en 2018. Así o ditamina o Consello Consultivo de Galicia nun ditame, no que considera que Portos debe asumir a responsabilidade patrimonial.

Os feitos que deron orixe a este procedemento administrativo producíronse na madrugada do 4 de agosto de 2018 como consecuencia do mal estado dunha tapa de rexistro, que se atopaba sen sinalizar no paseo.

Segundo informou o Consultivo, a prexudicada presentou un informe da Policía Local de Cambados sobre o accidente, así como diversa documentación clínica e acreditativa dos gastos farmacéuticos, ortoprotésicos, estancia de hotel e billetes de avión dunha viaxe que non puido realizar como consecuencia da caída.

A proposta de resolución de Portos de Galicia sobre este caso ditouse o 30 de xullo de 2021 e nela estimábase parcialmente a reclamación presentada, declarando a responsabilidade compartida entre Portos, o Concello de Cambados, e a propia afectada.

Pero o Consello Consultivo informou en contra desta proposta de resolución estimatoria parcial, ao considerar, por unha banda, a competencia de Portos para o mantemento e conservación da zona en cando a dominio portuario e, por outro, o abandono no seu exercicio a favor do Concello de Cambados, "sen ningún título habilitante e cun claro beneficio, entre outros, para a propia Administración autonómica".

"CONSENTIU E TOLEROU"

Segundo isto, Portos de Galicia "consentiu e tolerou a conservación do paseo pola administración municipal", sen que conste que en ningún momento reaccionase ante o desenvolvemento daqueles traballos polo Concello, aproveitando, por tanto, os "beneficios derivados".

O Consello Consultivo subliña, así mesmo, que o Concello abona un canon a Portos polo uso dos terreos en determinados eventos, como a Festa do Albariño, igual que sucede en moitos dos concellos costeiros de Galicia.

"TRAMPA OCULTA"

A xuízo do órgano consultivo, "procede recoñecer a existencia dun nexo de causalidade entre os danos sufridos pola afectada e o funcionamento dos servizos públicos, por culpa do inadecuado estado de conservación de tapa da tapa de rexistro".

Deste xeito, sostén que o "defecto estrutural" da tapa (un bordo roto que provocaba a oscilación da tapa ao pisala) permite a súa cualificación como "unha trampa oculta". O "defecto da tapa non era ostensible nin facilmente apreciable para os peóns", agrega.

A estimación do órgano consultivo sobre que sexa Portos de Galicia o organismo que deba responder pola totalidade dos danos ocasionados, non impide que o ente autonómico poida exercitar cantas accións considere pertinente contra o Concello de Cambados na defensa dos seus dereitos.

Fachada do Concello de Cambados
Fachada do Concello de Cambados | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta