Cabanas e Narón rexistran dous accidentes mortais con 40 minutos de diferenza

Aconteceron a pasada noite.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2022 | Actualizada ás 10:09

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou a pasada noite dous accidentes mortais con só 40 minutos de diferenza, ocorridos ademais no mesmo ámbito comarcal, en Cabanas e en Naron, ambos na provincia da Coruña. Segundo informou o 112-Galicia, o primeiro dos sucesos tivo lugar ás 23,00 horas, cando se recibiu a alerta por un home atropelado preto do Centro de Saúde de Cabanas.

Ata o lugar foi desprazado un equipo sanitario do 061, pero nada puido facer por salvarlle a vida á vítima. Segundo as testemuñas do accidente, o impacto co vehículo provocou ao falecido un forte golpe na cabeza. Ademais do equipo médico, neste operativo interviñeron os voluntarios de Protección Civil da localidade e os axentes da Garda Civil de Tráfico.

Corenta minutos despois, outra comunicación ao 112 mobilizaba os Bombeiros de Narón para liberar a un condutor atrapado dentro dun vehículo envorcado na rotonda de acceso á gasolineira Valcarce. Con todo, á súa chegada, comprobaron que a persoa estaba xa falecida. Deseguido, excarceraron á vítima e restableceron as condicións de seguridade na calzada. Cos bombeiros colaboraron tamén os axentes da Policía Local e profesionais sanitarios do 061.

Traballadores de ambulancias do 061
Traballadores de ambulancias do 061 | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta