Sanidade pide participar nas campañas de doazón de sangue até chegar a 400 a 500 doazóns diarias

Sanidade lembrou que todos os cidadáns que desexen doar sangue poderán facelo nos locais permanentes das sete grandes cidades galegas ou nalgunha das 10 unidades móbiles que se desprazan por 40 concellos ao longo da semana.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2022 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña apelou á xenerosidade da poboación galega para que participe nas campañas de doazón de sangue da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). O conselleiro realizou estas declaracións mentres doaba sangue no Hospital Nicolás Pena na mañá deste sábado.

Comesaña tamén remarcou a excelente resposta dos cidadáns galegos, dispostos a "colaborar para alcanzar a cifra de entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias" e así posibilitar o correcto desenvolvemento do labor asistencial dos hospitalesde Galicia.

Por outra banda, a Consellería de Sanidade lembrou que todos os cidadáns que desexen doar sangue poderán facelo nos locais permanentes das sete grandes cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) ou nalgunha das 10 unidades móbiles que se desprazan por 40 concellos ao longo da semana.

Do mesmo xeito, a Xunta resaltou a través dunha nota de prensa a implantación de diversas campañas de informativas e sensibilizadores da ADOS destinadas a promover as diferentes formas de doazón, polo que convidan a cidadáns, empresas e institucións galegas a "fomentar unha conciencia solidaria e xenerosa cara á doazón de sangue", constataron.

Para este fin, ADOS puxo a disposición da poboación galega a súa web, ados.sergas.gal; a súa dirección de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.gal; o seu teléfono de información gratuíto, 900 100 828; e as súas páxinas en redes sociais para comunicarse coa entidade e resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.

Nova unidade de doazón de ADOS en Galicia.. XUNTA
Nova unidade de doazón de ADOS en Galicia.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta