Feijóo ratifica o calendario sucesorio para maio: primeiro relevo na Xunta e logo no PPdeG

Ve "máis importante" presidir unha Comunidade que un partido e reitera o agradecemento pola "responsabilidade" do PPdeG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2022 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e presidente do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, ratificou este luns o calendario sucesorio que xa avanzara, coa finalidade de que, durante o mes de maio, quede resolta a súa substitución tanto no goberno galego como no partido. Así o confirmou a preguntas dos medios durante unha visita ao centro de saúde do Porriño, onde a Xunta iniciou obras de ampliación.

Feijóo lembrou que este mesmo luns, na reunión da xunta directiva do PPdeG en Santiago, convocarase o XVIII Congreso do partido, que será extraordinario, para elixir o novo presidente da formación (cargo que agora ostenta de forma interina o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tras a renuncia de Feijóo antes de facerse co liderado do PP), e calquera persoa que "queira" e milite no PP galego poderá optar á presidencia se reúne 100 avais.

Tras agradecer o exercicio de "unidade, estabilidade e responsabilidade" dos seus compañeiros de filas en Galicia, precisou que, antes de que se faga efectiva esa substitución orgánica, que se espera no mes de maio, producirase a sesión de investidura do novo presidente da Xunta, e os 42 parlamentarios do PPdeG enviarán "outra mensaxe de responsabilidade".

"MAIORÍA E ESTABILIDADE"

"Van elixir o presidente da Xunta e, unhas semanas máis tarde, elixirase o presidente do partido", sinalou Feijóo, sen concretar datas, e subliñou que o obxectivo dos 'populares' seguirá sendo "achegar maioría e estabilidade" ao goberno autonómico. Respecto diso, e tamén en clave estatal, incidiu na importancia de gobernar coa única finalidade de "acertar" e sen depender de "socios que pretendan fragmentar a institución". "É unha aspiración que quero para España, unha vez que o conseguimos para Galicia", engadiu.

"MÁIS IMPORTANTE" PRESIDIR UNHA COMUNIDADE QUE UN PARTIDO

Finalmente, reiterou que está "moi satisfeito coa reacción responsable" do PPdeG neste proceso sucesorio, e volveu afirmar: "Espero que en maio teñamos, en primeiro lugar, novo presidente da Comunidade Autónoma, e en segundo lugar, novo presidente do PPdeG, por esta orde, porque é moito máis importante ser presidente dunha Comunidade Autónoma que dun partido".

Alberto Núñez Feijóo, nunha visita ao centro de saúde do Porriño (Pontevedra).
Alberto Núñez Feijóo, nunha visita ao centro de saúde do Porriño (Pontevedra). | Fonte: Europa Press

ROMÁN RODRÍGUEZ

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asegurou este luns que o proceso de substitución de Alberto Nüñez Feijóo demostra "a fortaleza orgánica do partido" e realízase pensando "no interese xeral" e non en intereses "individuais".

Preguntado acerca deste proceso e do seu futuro na Xunta, Román Rodríguez instou a "ir paso a paso", xa que "o tempo dirá o que teña que dicir". "Como membro do partido, estou sempre a disposición do que se fixe por parte dos órganos de dirección", destacou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta