As festas ilegais durante a pandemia saen caras: catro detidos polas desfeitas nun piso turístico en 2021

A propietaria da vivenda denunciara danos por valor de máis de 5.000 euros tras alugala a unha parella en plena pandemia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2022 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional de Santiago de Compostela detiveron a catro persoas en relación aos danos producidos nun piso turístico alugado supostamente por unha parella para a realización dunha festa ilegal en abril de 2021, en plena pandemia pola Covid-19.

Segundo informou a Policía Nacional, os feitos sucederon na madrugada do 23 ao 24 de abril de 2021, data na que a propietaria dun apartamento situado na zona vella da cidade compostelá alugouno a través dunha plataforma de Internet, supostamente a unha parella que só estaría unha noite.

"Naquel entón estabamos en plena pandemia polo Covid, o que supuña que se atopaban en vigor múltiples limitacións, entre elas a que prohibía a reunión de máis de catro persoas en domicilios", destaca a Policía. Así, "o que parecía un aluguer rutineiro, transformouse nunha festa ilegal ao grande onde acudiron entre 15 e 20 mozos, a maioría universitarios e residentes por aquel entón na capital galega", detallan as mesmas fontes policiais.

Cinco homes a través de diferentes chats de mensaxería organizaron a festa "convidando a numerosas persoas, a pesar das limitacións vixentes por aquel entón", incide a Policía. "O que para a propietaria do piso parecía recuperar a súa actividade de aluguer de inmobles despois de moitos meses sen ter ingresos, finalmente converteuse nun pesadelo", engade.

Cando se personou na súa vivenda para ver como quedara tras alugar a mesma supostamente a unha parella, atopouse o piso "esnaquizado" con "botellas e cabichas por todas partes, cristais e lámpadas rotas, un sofá esnaquizado, colchóns desgarrados e mesmo un regueiro de sangue polo chan". Á parte destas desfeitas da casa tamén levaron un televisor, un router e unha vaixela, perdidas que a propietaria cuantificou en máis de 5.000 euros.

Froito da investigación realizada, a Policía puido pescudar que na festa participaran un home e unha muller, que tras varias declaracións finalmente achegaron os datos suficientes "para canalizar a investigación", indican as mesmas fontes.

Axentes da Policía Nacional nunha imaxe de arquivo.. CNP - Arquivo
Axentes da Policía Nacional nunha imaxe de arquivo.. CNP - Arquivo

DELITOS

Por iso, producíronse catro detencións en Santiago por todos estes feitos. Impútaselles a presunta comisión de varios delitos de apropiación indebida, danos e simulación de delito.

A investigación continúa aberta para a localización do último dos organizadores que actualmente non reside en Santiago, sinala a Policía, que concreta que as pescudas foron realizadas por funcionarios do Grupo de Roubos, adscritos á Brigada Local de Policía Xudicial da Comisaría compostelá.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta