Feijóo avisa ao seu sucesor: debe "manter o legado do PPdeG" e "non abandonar o galeguismo integrador"

O aínda presidente da Xunta e líder do PP estatal pide aos seus en Galicia "unidade, pluralidade e traballar para abrir máis o partido". Rueda non confirma a súa candidatura a liderar o PPdeG por "respecto" aos prazos. Baltar celebra unha transición de "unidade" e promete que Ourense contribuirá "á estabilidade" de Galicia. Feijóo carga contra Pedro Sánchez por xerar "máis inestabilidade e división ca nunca".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/04/2022 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

"Unidade, pluralidade e traballar para abrir máis o partido". O aínda presidente da Xunta e líder do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, resumiu así a súa receita en clave interna para que o PPdeG poida manter o Goberno galego e conseguir en 2024 unha quinta maioría absoluta da man do seu sucesor, que será, salvo sorpresa, o seu vicepresidente primeiro e xefe de filas do PP pontevedrés, Alfonso Rueda.

Xunta Directiva que convocou o 18º Congreso do PPdeG
Xunta Directiva que convocou o 18º Congreso do PPdeG | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

Esa vitoria en 2024, precedida de mellores resultados tanto nas eleccións municipais do ano próximo, como nas xerais, sería clave para que a súa substitución cumpra cun dos principais mandatos que lle deixou este luns á súa substitución: "manter o legado" que herda no PPdeG, construído polos equipos dirixidos por Feijóo desde 2006 e polos seus antecesores, Manuel Fraga e Gerardo Fernández Albor.

Na súa intervención na Xunta Directiva que convocou o 18º Congreso do PPdeG para os días 21 e 22 de maio en Pontevedra, Feijóo citou unha frase que lle dirixiu o expresidente Mariano Rajoy no conclave de Sevilla, e pediu que o seu sucesor teña "o mesmo apoio" que recibiu el porque, se isto ocorre, dixo, non poderá pedir "máis".

En clave interna, pediu "unidade" e traballar para "alongar" o partido "que máis se parece a Galicia", e tamén manter a "pluralidade" nunha formación cuxa maior forza "non son as siglas nin os logos" senón os militantes e os electores. Iso si, afirmou que cando conclúa este conclave "non haberá territorio que se poida sentir vencedor" pero tampouco "derrotado".

"Cando o PPdeG se renova, gaña Galicia e, por tanto, gaña o PPdeG. Non hai vencedores, nin derrotados", proclamou nun discurso no que, días despois de que os principais dirixentes do partido, cos tres presidentes provinciais de Ourense, Lugo e A Coruña á fronte, mostrasen o seu apoio a Rueda, Feijóo deu as "grazas a todos" polo seu comportamento.

"Os partidos maduros non se fan dano ao decidir o futuro, porque entenden que a madurez leva, ás veces, dar un paso ao carón para que alguén dea un paso á fronte", aseverou, antes de insistir: preservar a "unidade" é a "meta" e o seu sucesor terá que "gañarse o liderado" despois do congreso, con "responsabilidade e altura de miras".

E é que, aínda que considera que a "unidade" convoca a "todos", desde os dirixentes aos militantes, confesou que "non daría o paso" de dar o salto á política estatal se non soubese que en Galicia "hai un equipo preparado" e se non estivese convencido de que hai un partido "unido e capaz de proseguir e continuar o legado" do PPdeG, que el, como os seus antecesores Fraga e Albor, contribuíu a "construír nas últimas décadas".

DEBERES PARA O SUCESOR

Núñez Feijóo, deixou varios deberes e retos sobre a mesa ao seu futuro sucesor, e non só en clave interna de partido --como manter a unidade, como peza clave para obter unha quinta maioría absoluta en 2024-- senón tamén para a súa relación co PP estatal e, no seu conxunto, con España. Non en balde, Feijóo subliñara antes que el non se marcha, senón que fixa o seu destino en Madrid e que nun prazo breve podería converterse en "inquilino" do "casarón" da Moncloa.

"Eu seguirei falando de Galicia. É imposible que me esqueza de Galicia. Quero ir presidir o PP de España, pero sei de onde veño. E pídovos que non esquezades de onde veño e do legado que ides administrar, porque as persoas pasan, pero os proxectos permanecen. E sodes os depositarios do legado do PPdeG, igual que eu e o meu equipo en España", reivindicou.

"Con humildade, pero sen complexos", Feijóo advertiu da "responsabilidade" de "estar á altura" dun "legado" que, baixo a súa batuta, traduciuse nas últimas catro maiorías absolutas galegas. E para "estar á altura" do feito por el, pero tamén polos seus antecesores Manuel Fraga e Gerardo Fernández Albor, fixo varias peticións, empezando por "non abandonar o galeguismo integrador".

"Pídovos que non abandonedes o galeguismo integrador que practicamos e seguiremos practicando", proclamou, para engadir, entre risas, que a dirección estatal que el mesmo encabeza "non o vai impedir".

Á nova dirección que se consolide no PPdeG pediulle tamén "non abandonar a cordialidade" á hora de defender "as linguas cooficiais", antes de engadir que a dirección estatal tampouco "o vai impedir".

RUEDA

O líder do PP provincial de Pontevedra e vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, non confirmou este luns a súa candidatura a presidir o PP de Galicia como sucesor de Alberto Núñez Feijóo por manter o seu "total respecto aos procedementos do partido" de cara a un congreso extraordinario que se celebrará os días 21 e 22 de maio.

Preguntado sobre cando prevé formalizar a súa candidatura, tendo en conta que en días pasados recibiu o apoio dos outros tres presidentes provinciais --Manuel Baltar (Ourense), Elena Candia (Lugo) e Diego Calvo (A Coruña)-- para dar o paso, evitou pór unha data: "Iremos vendo os pasos amodo.

Iso si, a Xunta Directiva do PPdeG, sen votos en contra, xa aprobou este luns o calendario de cara a ese conclave que se celebrará en Pontevedra, casualmente cidade da que Rueda procede.

"Están a facerse as cousas como hai que facelas: ordenadamente, planificadamente, con total respecto aos procedementos do partido, coa posibilidade de que calquera poida optar", destacou o tamén 'número dous' de Feijóo na Xunta, quen lembrou que "calquera militante, dentro dos prazos establecidos", pode dar o paso.

En palabras de Rueda, a reunión deste luns serviu para convocar o XVIII Congreso do PPdeG, que terá carácter extraordinario, así como para facer "unha pequena homenaxe" a quen foi líder da formación durante os últimos 16 anos, ata que tomou as rendas do PP estatal o pasado 2 de abril.

Sobre o procedemento elixido para a sucesión, Rueda congratulouse de que os catro 'baróns' provinciais galegos coincidisen en que o congreso era "o mellor sistema". "Hoxe empeza ese proceso", insistiu, para reiterar que este luns "non ten outra cousa que dicir" que é "unha magnífica nova como se están facendo as cousas".

Preguntado sobre se se sente tutelado, Alfonso Rueda negouno porque --nas súas palabras-- o que fixo Feijóo, igual que o facía "cando era presidente do PP de Galicia", é marcar "obxectivos e directrices".

"Creo que é o que ten que facer un líder e ata agora foinos moi ben ese sentido. E por tanto alégrome de que o siga facendo con esa claridade", remarcou.

BALTAR

O presidente da Deputación e líder do PP de Ourense, Manuel Baltar, celebrou que a sucesión de Alberto Núñez Feijóo á fronte do PPdeG se vaia realizar con "unidade" e prometeu que a súa provincia contribuirá "con responsabilidade política" á "estabilidade e ao futuro" de Galicia. Así o expresou Baltar nun comunicado emitido ao termo da Xunta Directiva dos populares galegos.

O líder ourensán comprometeu o seu apoio total para que "a solución na que todos cremos e pola que todos apostamos teña a forza necesaria". Sobre a reunión deste luns, Baltar celebrou que se chegase a este acordo que dá "a resposta que merece Galicia, solucionando dun modo modélico unha situación derivada da aposta dun ourensán, Alberto Núñez Feijóo, para presidir o PP a nivel nacional" e que, "seguro, tamén será presidente da nacion".

Así, o líder dos populares ourensáns destacou a axilidade para canalizar unha sucesión "onde a palabra clave é a unidade, que é a gran forza deste partido".

Ademais, quixo subliñar as palabras pronunciadas polo que aínda é presidente da Xunta en referencia a un galeguismo integrador. "Resumo perfectamente os novos tempos para Galicia, cun PPdeG á fronte do Executivo autonómico dunha nacionalidade histórica que ten moitos retos ambiciosos por diante", puntualizou Baltar.

CRÍTICAS A SÁNCHEZ

Núñez Feijóo aproveitou para cargar contra o Goberno de Pedro Sánchez, ao que culpa de que haxa "máis inestabilidade, inacción, egocentrismo e irresponsabilidade ca nunca" en España. É máis, sinalou que se "sacrifican" os intereses xerais para manter a coalición de PSOE e o que o propio xefe do Executivo chamou " o espazo" de Yolanda Díaz, de forma que "Podemos xa non está nesta galaxia".

"Creo que os españois non merecen tanto deixamento, nin tanta soberbia nin tanta altivez", declarou Feijóo ante a Xunta Directiva do PP galego.

O presidente do PP asegurou que España vive "momentos de inquietude desde hai varios anos" pero "lonxe do que debería ser, o Goberno actual achega máis para perpetuala que para superala". "Hai máis inestabilidade ca nunca: inestabilidade política, institucional e económica", aseverou, para engadir que a capacidade de solucionar problemas "veuse substituíndo pola impoñente habilidade para crealos e mesmo acrecentar os que existen".

Tras insistir en que os cidadáns "non merecen" este "deixamento, soberbia e altivez", sinalou que esta semana o PP remitirá a Moncloa o seu plan económico centrado na baixada de impostos para demostrar que en España "existe unha alternativa real que fai propostas despois de estudalas e meditalas" e comprobar que "a recadación fiscal subiu só en xaneiro e febreiro 7.500 millóns máis que hai un ano".

Segundo subliñou, esa proposta "sinala un programa de Goberno" que recolle o que faría a súa formación se estivese hoxe gobernando España, de forma que buscaría que catro de cada cinco españois pagase menos imposto de IPPF desde xaneiro de 2022. "Esa é unha proposta alternativa real dun Gobienro fiable", manifestou, para engadir que antes "contrastará" as súas propostas cos axentes sociais nas reunións que manterá este martes con CEOE, Cepyme, UGT e CCOO.

"FARO DA ESTABILIDADE DA POLÍTICA AUTONÓMICA EN ESPAÑA"

Feijóo, quen agradeceu a Miguel Tellado o seu labor como secretario xeral do PPdeG e lembrou que o leva ao PP estatal, non escatimou en deberes para quen sigan en Galicia nesta nova etapa: "Algo sinxelo e importante é que sigades sendo o faro da estabilidade da política autonómica en España", trasladou.

"Manter a estabilidade de goberno dunha nacionalidade histórica é moi importante como efecto demostrador de que a política pode ser útil e pode facerse doutras maneiras", remarcou, antes de arrincar o primeiro gran aplauso dos seus ao proclamar que a política galega é "unha das grandes políticas de Europa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta