Formoso ve un Feijóo "sen ambición de país" e pide "aproveitar todas as potencialidades de Galicia"

O dirixente socialista acusou á Xunta do PP de "limitar" a capacidade do sector madeireiro, de "restarlle púo" á automoción ao non apostar polas plantas de chips e baterías ou de "frear o desenvolvemento" dunha acuicultura sustentable.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 19/04/2022 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, defendeu a necesidade de "aproveitar ao máximo as potencialidades" de Galicia fronte a un Feijóo que "deixa miles de millóns en proxectos sen desenvolver".

Así se pronunciou o líder dos socialistas galegos tras manter un encontro co grupo de empresarios Vicus Galleecia este martes en Vigo, un acto do que informou o PSdeG nun comunicado.

O dirixente socialista aproveitou esta reunión para expor a súa visión sobre a política económica de Galicia, que aposta por "espremer as potencialidades propias do país", fortalecer o sector exterior e permitir a produción de sectores estratéxicos como o das enerxías renovables, o da madeira ou toda a actividade asociada á cadea mar-industria.

Ante os empresarios, Formoso fixo balance das "oportunidades que se perderon" baixo o goberno de Feijóo, de quen dixo que se instalou na "comodidade" e "renunciou a tomar decisións" para non danar a súa perspectiva de facer carreira política en Madrid.

Con todo,o dirixente socialista acusou á Xunta do PP de "limitar" a capacidade do sector madeireiro, de "restarlle valor" á automoción ao non apostar polas plantas de chips e baterías ou de "frear o desenvolvemento" dunha acuicultura sustentable. "Podemos cuestionar algunhas localizacións de plantas acuícolas, pero Feijóo renunciou por completo ao desenvolvemento deste sector", sinalou.

Outra das cuestións nas que incidiu o secretario xeral do PSdeG foi na "necesaria eficiencia, axilidade e simplificación da administración pública", que entende que, a pesar de todas as promesas, "brillou pola ausencia" baixo o mandato de Feijóo na Xunta.

"Os caixóns da administración están cheos de miles de millóns de euros de proxectos á espera dun informe", dixo, algo que considerou "intolerable" ao asegurar que "ao final no que se traduce é en que miles de mozos ten que seguir facendo as maletas cada ano para buscar oportunidades laborais fose de Galicia".

Neste marco, o PSdeG sinalou que Formoso escoitou as demandas expostas por varios dos empresarios para viabilizar a súa actividade e destacou que parte da solución para por garantir unha suficiencia enerxética e a subministración que axude a rebaixar os custos de produción.

Neste sentido, puxo en valor o pacto por unha enerxía eólica sustentable asinado por CC.OO., UGT, Unións Agrarias, Fademur e Ventonoso, que supón unha aposta non só polo crecemento do sector eólico, senón tamén polo desenvolvemento doutras fontes asociadas como o hidróxeno verde, que considerou "esencial" para garantir o funcionamento da industria galega a medio prazo.

"A solución para que este home pague menos por conxelar --dixo sinalando a José Pereira-- chámase hidróxeno verde". Ademais, apoiou que se priorice a conexión do AVE co norte de Portugal ou a localización da sede do Instituto Español de Oceanografía en Galicia, algo no que, segundo indicou, o PSdeG está a traballar.

Na reunión con Vicus Gallaecia, que reúne a promotores e industrias, estiveron os empresarios José Enrique Pereira, conselleiro delegado do Grupo Pereira; Francisco Puga, presidente de Delta; José Luiciano Martínez Covelo, do Clúster da Automoción; Marcos Freire, do Grupo Freire; Javier Garrido, do sector inmobiliario; Bartolomeu Pidal, de Nortempo; Sabela Pérez-Torres, de Pérez Torres Marítima Vigo; Horacio Gómez, presidente do Grupo Horacio Gómez; e José Manuel Fernández-Alvariño, presidente do Grupo Alvariño.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reúnese con empresarios Vicus Gallaecia. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reúnese con empresarios Vicus Gallaecia. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta