Catro científicos galegos entre os 200 máis citados nun ranking de Google

Son catro investigadores do IDIS que destacan polo seu índice de citacións e o número de publicacións e sitúanse entre os 100 e 200 primeiros dunha listaxe de 5.000 científicos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/04/2022 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

Catro profesionais do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) destacan entre os 200 primeiros da edición 2022 do Ranking de persoal científico español de acordo cos seus perfís públicos de citacións de Google Scholar. Felipe Casanueva, Carlos Diéguez, María José Alonso e Anxo Carracedo son o persoal investigador que aparece entre os postos 74 e 169 desta listaxe pola calidade e repercusión dos seus estudos e publicacións. 

Ángel Carracedo. UNIVERSIDADE DO MINHO - Arquivo
Ángel Carracedo. UNIVERSIDADE DO MINHO - Arquivo

Para a elaboración deste ranking contempláronse até 5.000 perfís de investigadores/as que traballan en institucións españolas e no estranxeiro. Tras recoller datos ao longo da última semana de decembro de 2021, Google publica a edición de 2022 deste ranking que realiza unha clasificación en base ao índice de citacións en publicacións científicas. 

CIENTÍFICOS

Felipe Casanueva ocupa o número 74 desta listaxe, cun índice de citacións de 118 e un total de 57.561. O investigador dirixiu 48 teses doutorais que recibiron a máxima cualificación, é Doutor Honoris Causa por tres universidades -Lodz (Polonia), Erciyes (Turquía) e Belgrado (Serbia)-, foi presidente da Sociedade Española de Endocrinoloxía, da Europea de Endocrinoloxía e da Internacional da especialidade. Ademais, presidiu a Sociedade Española de Obesidade e a Pituitary Society.

O seguinte perfil, no número 84 desta listaxe, é o de Carlos Diéguez, cun índice de citacións de 115 e 48.985 publicacións. O que foi o primeiro director científico do IDIS é actualmente investigador na área de Endocrinoloxía do Instituto, director do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) e director científico de CIBER Obesidade e Nutrición ademais de catedrático de Fisioloxía. Con anterioridade, tamén foi presidente da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición (SEEN). 

No posto 168, María José Alonso, cun índice de 96 e 32.280 citacións, é unha prestixiosa investigadora formada en centros internacionais e creadora dun grupo de investigación pioneiro en España no ámbito da Nanomedicina e nos sistemas de liberación de fármacos e vacinas. A investigadora do IDIS dirixiu e coordinou máis de 60 proxectos de investigación, dos que xurdiron 22 patentes internacionais, 300 artigos científicos e dous libros. É directora da Xunta de Goberno da Controlled Release Society (CRS), a sociedade máis importante no seu campo. 

Ángel Carracedo é o investigador que ocupa o posto 169 desta listaxe, cun índice de 93 e 40.178 citacións. O doutor Carracedo é o investigador principal da área de Xenética do IDIS e é o director da Fundación Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Genotipado-ISCIII. Tamén foi o director do Instituto de Medicina Legal da USC e é membro do CIBERER. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta