Así están as especies en perigo de extinción en Galicia: 15 anos sen actuacións de protección

O Catálogo Galego de Especies Ameazadas recolle 74 especies en perigo de extinción e 126 como Vulnerables. Algunhas delas, como a tartaraña cincenta Circus pygargus e a gatafornela Circus cyaneus están a piques de desaparecer.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/04/2022 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

Esta semana, cúmprense 15 anos da aprobación do Decreto 88/2007, polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA). Eran 193 especies de animais e plantas as listadas, 74 delas En perigo de extinción e 119 Vulnerables, isto é, no chanzo previo a perigo de extinción.

A tartaraña cincenta Circus pygargus, unha especie a piques de desaparecer en Galicia
A tartaraña cincenta Circus pygargus, unha especie a piques de desaparecer en Galicia | Fonte: Galipedia

Un dos obxectivos principais do CGEA é "prestar unha atención preferente (...) a conservación daquelas formas de vida e os seus hábitats que na actualidade corren un maior risco de desaparecer". Pero, os ecoloxistas de Adega denuncian que este grande obxectivo non se cumpriu xa que, se ben estaban especies “necesitadas” de protección efectiva, outras foron ignoradas a pesar de traballos que advertían do seu declive.

Nesta década e media houbo unha actualización do CGEA, realizada en agosto de 2011, que ampliou a 126 as especies Vulnerables. O CGEA de 2007 mellorou substancialmente a calidade dun documento previo, de xuño de 2004, que incluía na lista galega aves como o pimpín azul de Gran Canaria Fringilla teydea polatzeki (endémica desta illa canaria, e nunca citada en Galicia), ademais de especies “de interese especial” tampouco citadas en territorio galego (por exemplo, aves como o cirrio unicolor Apus unicolor, o cirrio cafre Apus caffer e o peto de dorso branco Dendrocopos leucotos, e mamíferos como o morcego patudo Myotis capaccinii, entre outras).

OMISIÓNS CHAMATIVAS

Con todo, e segundo apunta Adega, algunhas das especies incluídas no documento previo de xuño de 2004 foron descartadas en 2007, como por exemplo o cullereiro común Platalea leucorodia, a tartaraña das xunqueiras Circus aeruginosus, o fuselo de rabo negro Limosa limosa e picapeixe común Alcedo atthis. Embora, mantivéronse no CGEA outras especies de aparición irregular no país, e polo tanto de difícil xestión a nivel de conservación, como o miñato real Milvus milvus e a aguia perdigueira Aquila fasciata.

Mesmo se incluíu o morcego rateiro mediano Myotis blythii, especie cun só rexistro en terras galegas, sen confirmación por xenética e para a que “non está clara a fiabilidade desta cita”. A inclusión do nóctulo mediano Nyctalus noctula na actualización do CGEA de 2011 foi tamén discutida.

A inclusión de especies como o  morcego rateiro mediano Myotis blythii o do nóctulo mediano Nyctalus noctula na actualización do CGEA de 2011 foron iscutidas

No caso das aves, a publicación en 2004 do Libro Rojo de las Aves de España provía abondosa información sobre especies de aves de Galicia que ben puideran entrar no CGEA como Vulnerables, como a mobella grande Gavia immer ou a rula europea Streptopelia turtur.

CRÍTICAS

En 15 anos do CGEA, o Consello de Goberno galego só aprobou dous plans de recuperación e un de conservación, ademais de “revisar” un plan de recuperación. Isto equivale a que desde 2007 aprobáronse os plans para apenas o 2,7% das especies En perigo de extinción e para o 0,8% das Vulnerables. "Licitouse unha vintena de asistencias técnicas para máis de 50 especies catalogadas no CGEA, que “dormen” nun caixón sen ser aprobadas", denuncian os ecoloxistas galegos.

Neste impás, algunhas das especies catalogadas están a experimentar unha diminución poboacional importante: a tartaraña cincenta Circus pygargus, por exemplo, ten experimentado un declive de entre o 59 e o 81% entre 2006 e 2017 en Galicia, e a gatafornela Circus cyaneus entre un 70 e un 90%, sendo a perda de hábitat por cultivos forestais e agrícolas insustentables unha das principais causas desta dramática situación.

NOVOS DATOS

A recente publicación do Libro Rojo de la aves de España e do III Atlas de las aves en época de reproducción en España poñen o foco na recente evolución poboacional e da área de distribución das aves a nivel do estado español, con datos de interese para Galicia. Así, por exemplo, aves como os picanzos real Lanius meridionalis e de cabeza rubia Lanius senator e o falcón pequeno Falco subbuteo están catalogados no novo Libro Rojo como En Perigo de extinción, e a laverca común Alauda arvensis, o picanzo vermello Lanius collurio e o moucho de orellas Otus scops como Vulnerables.

Especies como a tartaraña cincenta Circus pygargus e a gatafornela Circus cyaneus están a piques de desaparecer

Ademais, dúas especies incluídas no borrador de 2004 e excluídas en 2007 do CGEA, o picapeixe común e o fuselo de rabo negro, están clasificadas respectivamente como En Perigo de Extinción e como Vulnerable (non reprodutora) no Libro Rojo de 2021. Todas estas especies teñen experimentado, como outras aves ligadas a medios agrícolas e zonas húmidas, declives importantes nas poboacións e/ou área de distribución a nivel galego e español, e sería recomendable incluílas nos diferentes catálogos de especies ameazadas.

"A case nula aplicación do CGEA nestes 15 anos de auténtica inacción por parte da Xunta de Galiza fai imposible acubillar esperanzas de aplicación das recomendacións do Libro Rojo en Galiza. A aparente condena á extinción na nosa terra das tartarañas cincenta e gatafornela, vista con pasividade pola administración central, probablemente teña un paralelismo no declive de lavercas comúns, mouchos de orellas e outras aves e, quizais tamén, coa perda das poboacións de anfibios, réptiles, peixes, mamíferos, invertebrados e mesmo de boa parte das plantas nativas de Galiza", denuncia Adega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 XPR

As fontes erranse, Myotis blythii, si esta confirmada a sua presenza e determinada por craneometría. Por outra N.noctula e un desproposito, mentres outras especies si presentes non estean.

2 Alavai

A única especie sempiterna é o votantis ppsoes

1 Moine

Viva o PP! Estes sujeitos levam governando o País, practicamente, desde sempre. Eles som os responsáveis: O Frijoles, O Bosque, o grande bocas falangista que presidiu a Junta durante anos. Em fim, os galeg@s que votam a estes, como mínimo, incapazes. Nengum povo é inocente da sua história.