Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2022 | Actualizada ás 17:44
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitaron, este mércores, o colexio de Santo André de Xeve, coincidindo coa publicación da licitación por importe de 2 millóns de euros das obras de mellora da seguridade viaria na PO-223 e na PO-224, que transformarán a mobilidade nesta parroquia pontevedresa. Tamén estiveron presentes no acto a delegada de STOP Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, e a directora do CEIP de Santo André de Xeve, Carmen Gil.
A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle este mércores a licitación das obras. Fíxase como prazo ata o 18 de maio para que as empresas interesadas nos traballos presenten as súas ofertas. Segundo adiantou a conselleira, o obxectivo é iniciar os traballos a finais do verán, cun prazo de execución de 18 meses. Explica que se está avanzando no proceso expropiatorio das 46 leiras afectadas, pois en marzo convocáronse as actas previas e no mes de xuño están previstas as actas de ocupación.
REFORMA
A reforma proxectada inclúe un conxunto de actuacións integrais, "ambiciosas e transformadoras" para favorecer unha "contorna escolar seguro", que suman un investimento global de máis de 2,2 millóns de euros, ao amparo dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sustentable.
Ethel Vázquez insiste en que as intervencións son "froito do diálogo" mantido coa dirección do centro educativo, coa implicación dos propios alumnos do centro, e enmárcanse na colaboración que a Xunta mantén desde hai anos con STOP Accidentes a favor da seguridade nas vías autonómicas.
A actuación pretenden enlazar dunha maneira máis segura e sustentable os núcleos do Couso e Sobral, á vez que se favorece a conexión do polígono empresarial e do colexio. Así, dotarase a PO-223 dunha senda mixta, para o tránsito peonil e de ciclistas non deportivos, de 1,9 quilómetros de lonxitude e cun ancho mínimo de 1,80 metros.
Tamén se mellorarán as paradas de autobús, executarase unha glorieta de 30 metros de diámetro, habilitarase unha senda para unir o colexio e o núcleo de Sobral, reordenaranse e ampliaranse as zonas de aparcadoiro, instalaranse seis marquesiñas e habilitarase un carril exprés na fronte do colexio que facilitará a baixada e recollida dos alumnos de maneira segura.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou a súa satisfacción por esta "boa noticia" e a presidenta da asociación STOP Accidentes Galicia, Jeanne Picard; sinalou a "sensibilidade mostrada pola Xunta neste caso", xa que "é unha zona que requiría dunha intervención urxente neste sentido".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.