O Goberno abre un conflito coa Xunta pola moratoria eólica e a compensación en obras públicas

Os departamentos autonómicos implicados defenden que os cambios introducidos non invaden competencias e critican o Executivo central.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2022 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

A Comisión Bilateral de Cooperación entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade acordou o inicio de negociacións para resolver discrepancias do Goberno central en relación ao artigo 39 --que inclúe a moratoria eólica-- e a disposición adicional segunda --sobre a compensación pola alza de prezos nas obras públicas-- de lei de medidas fiscais e administrativas que acompañou os orzamentos galegos de 2022.

Segundo publica o Diario Oficial de Galicia (DOG), tamén se acorda designar un grupo de traballo para propor á Comisión Bilateral de Cooperación a solución que proceda; e comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional, ademais da súa publicación nos boletíns oficiais autonómico e do Estado. Tanto a Consellería de Economía como o departamento autonómico de Infraestruturas e Mobilidade defenderon, consultados por Europa Press, os cambios impulsados no seu día.

En concreto, en relación ao apartado dous do artigo 39, que establece unha nova disposición adicional sobre a distancia para a construción de novos parques eólicos, Economía precisou a Europa Press que o que se traslada desde o Estado é que "deben preverse excepcións para autoconsumo".

Unha consideración --esgrime-- "que xa vén recollida na propia Lei eólica 8/2009 ao especificar que queda excluído do ámbito de aplicación da lei, entre outras, as instalacións eólicas de xeración eólica para autoconsumo". Por iso, a Xunta sostén que a nova regulación non afecta a esta excepción, xa recollida na lexislación vixente.

MORATORIA

En canto ao apartado tres, engade unha nova disposición sobre a moratoria de presentación de novas solicitudes de proxectos eólicos. A Xunta considera que Galicia pode establecer unha moratoria dentro do ámbito das súas competencias, do mesmo xeito que o Estado estableceu, no ámbito das súas propias, moratorias como a de presentación de solicitudes de eólica mariña ou dos permisos de accesos e conexión.

Por último, o apartado cinco engade unha disposición sobre o outorgamento dun prazo de 12 meses para que aqueles proxectos que iniciaron a súa tramitación sen permisos de acceso e conexión poidan obtelos. A Xunta entende que cumpre coa legalidade, xa que se trata de proxectos en tramitación que non obtiveron autorización administrativa --para a que si se esixirá ter este permiso--.

Por tanto, a Administración autonómica defende que os cambios introducidos na lei de medidas se realizaron "atendendo de maneira rigorosa tanto a lexislación vixente como as súas competencias".

O Executivo galego defendeu que avoga por un desenvolvemento eólico "ordenado e que cumpra con todos os requisitos de tipo ambiental, técnico e legal"; e manifestou o seu desexo de que o Goberno central "tamén se some a este obxectivo" en Galicia, e aposte pola colaboración.

"REEQUILIBRIO" DAS OBRAS PÚBLICAS AUTONÓMICAS

Sobre a disposición adicional relativa ás compensacións pola alza de prezos de materiais de construción en obras públicas, a Consellería de Infraestruturas lamenta que, "sen diálogo coa Comunidade", o Goberno de España abrise este procedemento de discrepancia xurídica sobre unha medida autonómica de reequilibrio como paso previo á presentación dun recurso ante o TC.

A disposición adicional autonómica articulouse --sostén a Xunta-- "con pleno respecto á repartición competencial e sen inxerencia ningunha na competencia básica estatal en materia de contratos", como demostra o propio contido disposición adicional.

Este antecedente, engadiu Infraestruturas, fai "augurar emprazamentos similares" ás demais normas autonómicas aprobadas neste campo, o que implica "inseguridade xurídica e incertezas no sector da construción, pondo en risco a execución da obra pública e os empregos asociados".

A Xunta sostén que, en todo caso, "non vai perder o tempo en pelexas infrutuosas" e que, tal e como xa avanzou a conselleira, Ethel Vázquez, no marco do encontro organizado pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña ( APPECO), optará por unha vía que poida ser útil para blindar as obras públicas e o emprego no sector da construción.

Arquivo - f279cec1dab1e02bed5b61cf55af2625.jpg. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Arquivo - f279cec1dab1e02bed5b61cf55af2625.jpg. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta