Así foron os primeiros casos de reinfección de covid-19 en Galicia

Expertos do Sergas expoñen por primeira vez os detalles clínicos da primeira paciente confirmada que se infectou por dúas veces co SARS-CoV-2 e de 485 casos identificados entre xaneiro e outubro de 2021. Aínda que son raras, científicos observaron un aumento do risco de reinfección coa variante ómicron e cualifican as vacinas como un axente determinante para evitala.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 21/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O primeiro caso de reinfección en Galicia por SARS-CoV-2 confirmouse o 9 de xaneiro de 2021, nunha muller de 69 anos en Lugo, 289 días despois de que esta persoa sufrise a primeira infección polo coronavirus que causa a enfermidade da covid-19, en marzo de 2020. Agora, expertos do Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública (Consellería de Sanidade) e do Servizo de Microbioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) ofrecen por primeira vez unha detallada descrición daquel primeiro caso de reinfección confirmado e un resumo dos datos das primeiras reinfeccións estudadas en Galicia, identificadas entre o 4 de xaneiro e o 3 de outubro de 2021.

Coronavirus
Coronavirus | Fonte: diariojuridico.com

No mundo, o primeiro caso confirmado de reinfección por SARS-CoV-2 describiuse en agosto de 2020.  Un equipo de investigadores da Universidade de Hong Kong detectouno nun home de 33 anos que se infectou entre finais de xullo e principios de agosto, despois de recuperarse do seu primeiro contaxio, a finais de marzo en España. Desde entón, describíronse varios casos similares en diferentes rexións do mundo.

A primeira reinfección de covid-19 en Galicia detectouse por primeira vez en Lugo, nunha muller de 69 anos, 289 días despois da primeira infección con outra variante do coronavirus

A reinfección por SARS-CoV-2 detectouse ao regreso deste home nun control no aeroporto de Hong Kong, cando regresaba desde España, con escala en Reino Unido. As análises realizadas no Departamento de Microbioloxía da universidade asiática revelaron que as dúas infeccións sucesivas foran causadas por dúas cepas diferentes do SARS- CoV-2.

Neste caso, o segundo episodio de infección, que foi asintomático, ocorreu 142 días despois do primeiro episodio, no que o home padecerá síntomas leves de covid-19. As análises epidemiolóxicas, clínicas, serolóxicas e xenómicas confirmaron que o paciente tivo reinfección e os científicos xa suxerían por entón que o SARS-CoV-2 pode seguir circulando entre humanos a pesar da chamada “inmunidade de rabaño”, polo que empezábamos a descubrir que algunhas persoas non teñen inmunidade de por vida a este coronavirus e que a inmunidade adquirida, ben por contaxio ou por vacinación, vai decaendo co paso do tempo, con niveis decrecentes de anticorpos.

"Moitos cren que os pacientes recuperados teñen inmunidade contra as reinfeccións debido a que a maioría desenvolveu unha resposta baseada en anticorpos neutralizantes", apuntaba o estudo, pero os investigadores hongkoneses lembraban que tamén "hai probas de que algúns pacientes teñen niveis decrecentes de anticorpos pasados uns poucos meses".

Desde entón, foron numerosos os casos de reinfección confirmados en todo o mundo, tamén en Galicia. Aquí, detectouse por primeira vez no HULA, nunha muller de 69 anos, 289 días despois da primeira infección polo coronavirus.

Como lembran os expertos do Sergas e do HULA, a información clínica deste primeiro caso confirmado de reinfección obtívose mediante entrevista directa coa paciente. Ademais, realizóuselle unha enquisa epidemiolóxica, buscando coñecer a trazabilidade da orixe nos dous episodios e solicitóuselle información sobre o chamado caso índice en cada un deses episodios, isto é, a fonte do contaxio, pasando tamén a entrevistar esas persoas contaxiadoras.

Logo, fíxose un diagnóstico microbiolóxico no HULA e un estudo serolóxico, e aplicouse tamén a outros sucesivos casos de reinfección identificados.

DETALLES DO PRIMEIRO CASO EN GALICIA

A primeira paciente cunha reinfección confirmada, de 69 anos, iniciou clínica de covid-19 o 28 de marzo de 2020. Naquela primeira infección presentaba tos e astenia (fatiga), con saturación de oxígeno do 97%-98% (niveis normais). Posteriormente, a paciente informou fatiga crónica durante varios meses. Aquel episodio clínico comezou mentres estaba na corentena, que iniciou o 26 de marzo de 2020 por contacto estreito co seu fillo convivente e positivo en covid-19. O primeiro resultado positivo na muller obtívose o 31 de marzo e non se realizaron estudos serolóxicos, recibindo a alta epidemiolóxica segundo os protocolos vixentes naquel momento, o 10 de abril de 2020.

A segunda infección non resutou máis grave que a primeira, malia que a variante británica, coa que se contaxiou no segundo episodio, “se asociou con síntomas máis graves”

A segunda infección confirmouse case dez meses despois. A muller foi confirmada de novo como positiva en covid-19 o 9 de xaneiro de 2021 (289 días despois), mentres estaba en corentena, a cal iniciou dous días antes, o 7 de xaneiro, por contacto estreito cun caso positivo tres días antes. O contaxio produciuse nun gromo familiar de tres casos e que tiña como caso índice un familiar que residía nunha cidade distinta á do resto da familia.

Un dato salientable deste caso é que o tempo transcorrido entre a primeira e a segunda infección é superior ao descrito na literatura científica revisada, que transcorre entre os 19 e os 142 días. “O feito de que o tempo transcorrido entre os dous episodios sexa un dos máis longos descritos ata a data iría na liña do publicado nalgúns estudos de inmunidade doutros coronavirus, onde a perda de inmunidade pode ocorrer dun a tres anos despois do episodio”, describen.

No segundo episodio de infección, a paciente galega iniciou síntomas o 9 de xaneiro, con tose e malestar xeral, sendo PCR positiva ese mesmo día. Solicitouse o estudo serolóxico en dúas ocasións: a primeira, tres días despois do inicio dos síntomas e sen detección de anticorpos e a segunda, 21 días despois, detectándose a presenza de anticorpos tanto IgM (índice: 3,38) como IgG (34,20 UA/ml). O estudo de secuenciación demostrou que a cepa da segunda infección pertencía á coñecida como variante alfa, ou británica, distinta da detectada na primeira infección. Como recordan os expertos, esta variante “non circulaba en marzo de 2020” e “tívose a primeira comunicación desta en setembro de 2020”. Por iso, din, no caso da muller galega “descartouse a opción de que puidese tratarse dunha infección persistente” e confirmouse que era unha reinfección.

Como sinalan estes expertos, en ambos os dous episodios a evolución da muller “foi boa e a paciente non requiriu hospitalización”, malia que a variante británica (VOC B.1.1.7) “se asociou con síntomas máis graves”. “Os síntomas presentados pola paciente foron leves en ambos os dous episodios”, subliñan os autores desta revisión, que engaden: “Coincidindo co descrito noutras reinfeccións notificadas en Bélxica ou Hong Kong, o segundo episodio non foi máis grave que o primeiro”.

Aínda que raras, as reinfeccións son posibles; entre xaneiro e outubro de 2021 foron identificados 485 casos en Galicia

Con todo, os autores desta revisión do primeiro caso de reinfección en Galicia recoñecen que o seu traballo ten unha limitación, que “é que non se realizou o estudo  serolóxico despois do primeiro episodio, descoñecendo se a paciente desenvolveu inmunidade; mentres que “no segundo episodio solicitouse a detección de anticorpos aos tres días da positividade da PCR, con resultado negativo”.

Neste sentido, explican que “pacientes que padeceron un primeiro episodio leve poderían desenvolver unha resposta inmunolóxica débil que facilitase a reinfección”, e proseguen: “Publicouse unha serie de casos nos que se observou unha redución na capacidade neutralizadora dos anticorpos durante o período de convalecencia temperán (2-3 meses tras a exposición) do 11,7% (rango: 2,3-41,1%) en casos de infección  asintomática e do 8,3% (rango: 0,5-22,8%) en casos con sintomatoloxía leve, que podería explicar ese primeiro resultado negativo na seroloxía. No noso caso, a paciente non presenta ningún tipo de inmunosupresión, nin farmacolóxica nin por patoloxía asociada, situación descrita por outros autores”.

MÁIS CASOS

O desta muller foi o primeiro caso de reinfección confirmado en Galicia e sucedéronlle máis. En concreto, o número total de reinfeccións identificadas entre xaneiro e outubro de 2021 foi de 485, 245 na provincia da Coruña (51%), 68 en Lugo (14%), 37 en Ourense (8%) e 135 en Pontevedra (28%). Con todo, matizan, das 485 reinfeccións, 40 foron confirmadas (8%), 413 foron probables (85%) e 32, posibles (7%). O 51% das reinfeccións foron en varóns, polo que non se observaron diferenzas estatísticas entre xéneros. A idade mediana das persoas que tiveron unha reinfección foi de 25 anos, cun rango de 2 a 89 anos. Mentres que a media de tempo transcorrido desde a primeira infección ata a segunda foi de 250,8 días, uns oito meses.

Nas seguintes táboas, cos datos dos expertos do Sergas, móstranse o número e a porcentaxe de reinfeccións sintomáticas, ou que precisaron ingreso no hospital e os que estaban vacinados, por tipo de reinfección e no global.

Tipo de reinfección

Nº de  reinfeccións

Homes

Mulleres

Idade  mediana

Rango  de idade

Confirmada

40

19 (47,5%)

21 (52,5%)

27

10-85

Probable

413

211 (51,1%)

202 (48,9%)

25

2-89

Posible

32

16 (50%)

16 (50%)

24,5

4-80

Total

485

246 (50,7%)

239 (49,3%)

25

2-89

Tipo de reinfección

Síntomas

Ingreso no hospital

Vacina (unha ou máis doses)

%

%

%

Confirmada

26

65

4

10

6

15

Probable

252

61

12

3,1

121

29,3

Posible

24

75

0

0

6

18,8

Total

302

62,3

16

3,5

133

27,4

Con todos estes datos, os expertos do Sergas defenden que a evolución da distribución das distintas variantes do coronavirus SARS-CoV-2 fai necesaria a recollida de información en diferentes momentos da pandemia, porque as características e o patrón de presentación das reinfeccións podería ir mudando”.

Esta revisión dos primeiros casos de reinfección confirmados en Galicia vén de ser publicada na Revista Española de Salud Pública e está asinada por María Jesús Purriños Hermida, do Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública (Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia) e Antonio Moreno Flores e María José Gude González, do Servizo de Microbioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo. Os autores veñen de expoñer os seus resultados

POSIBILIDADES DE REINFECTARSE

Como explican os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades de Estados Unidos (a axencia nacional de saúde pública deste país), “unha  reinfección polo virus que causa a covid-19 significa que unha persoa se infectou, recuperouse e logo volveu infectarse; despois de recuperarse da covid-19, a maioría das persoas teñen algo de protección para non volver infectarse; con todo, as  reinfeccións por covid-19 ocorren”.

Polo tanto, o risco existe. E hai datos que o confirman. Pero que posibilidades hai de reinfección?

Segundo un informe do Instituto Superior de Saúde italiano, publicado en xaneiro deste ano, entre o 24 de agosto de 2021 e o 9 de xaneiro de 2022, as reinfeccións representaron o 2,7% dos casos positivos en covid-19 (máis de 108.000), e na última semana aumentaran ao 3,2%, fronte á contorna do 1% rexistrado entre outubro e principios de decembro. Cabe lembrar que a variante ómicron, agora dominante, foi detectada por primeira vez en novembro de 2021.

Outro informe do Imperial  College de Londres publicado en decembro de 2021 mostraba que, coa variante ómicron nos seus inicios, a infección despois de recuperarse era cinco veces máis frecuente que coa delta. Segundo datos da universidade británica, a protección que ofrece unha infección previa reduciuse con ómicron ao 19%, fronte ao 85% calculado con variantes como a delta, que semella que ofrecía maior inmunidade natural tras superar a infección. Isto explicaría a rápida expansión de ómicron, a máis contaxiosa, e que semella que aumentou o risco de reinfección.

A vacinación contra a covid-19 reduce un 60% o risco de volver infectarse, segundo un estudo realizado na Comunidad de Madrid

Os datos de diversos estudos tamén apuntan a que esas reinfeccións son, en xeral, máis débiles. Ademais, as vacinas mostraron ser tamén un axente determinante para evitar reinfeccións. Un estudo realizado na Comunidad de Madrid, publicado tamén en xaneiro deste ano, mostrou que a vacinación contra a covid-19 reduce un 60% o risco de volver infectarse.

O Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública madrileña rexistrou, desde o 29 de decembro do ano 2020 e ata mediados de xaneiro de 2022, un total de 42.291 reinfeccións. Deste cómputo, o 90,4% pertence á sexta onda, que comezou a mediados de outubro do ano pasado.

No 99,6% dos casos totais de reinfección, a persoa pasou a enfermidade dúas ocasións, mentres que tan só 117 (0,42%) a sufriron unha terceira vez. Ademais, o estudo revela que a maioría destas reincidencias se produciron na sexta onda, e o 62,5% dos afectados non estaban vacinados ou só contaban cunha dose.

Aínda que observaron que durante ese período epidemiolóxico o risco de reincidencia aumentou 7,5 veces respecto ao anterior –quinta onda–, a maior parte dos casos analizados eran leves, segundo estes expertos, “grazas a que o estado inmunitario da persoa atópase máis protexido (ao estar xa en contacto co virus), e especialmente debido á protección que ofrecen as vacinas”.

Neste sentido, recordaron que os epidemiólogos insisten en que a inmunización evita formas graves de enfermidade e, aínda que non impiden a transmisión, serven para diminuír a infección e a reinfección.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta