A balneoterapia, unha alternativa en auxe contra a dor crónica e a síndrome post-covid

Os tratamentos con augas mineromedicinais reducen o consumo de medicamentos en pacientes que sofren lumbalxias e mellora a calidade de vida das persoas con fibromialxia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Entre o 60% e o 80% da poboación presentará algún tipo de dor lumbar ao longo da súa vida, que pode chegar a ser incapacitante en moitos casos. A maior indicencia da lumbalxia atópase entre os 25 e os 45 anos, e establécese como a principal causa de limitación da actividade en persoas maiores de 45 anos. De feito, esta doenza está detrás do 15% das baixas laborais. Son datos aportados polo doutor Jorge Blanco, médico adxunto do Servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que vén de abordar a balneoterapia no tratamento das lumbalxias no ciclo 'A saúde é o que importa' da 

Balneario- Siente Galicia
Balneario- Siente Galicia

Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.

Esta iniciativa, que cumpre a súa 4ª edición, conta coa colaboración da Fundación Araguaney e ten como obxectivo difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais. Este mércores, 20 de abril, celebrouse a primeira sesión do ano: unha mesa redonda na que se trataron as indicacións da cura termal para o tratamento da lumbalxia, fibromialxia e síndrome post-covid da man do doutor Jorge Blanco, a catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña Rosa Meijide, e o director médico do balneario Caldelas de Tui Elías Festa. A charla estivo moderada polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. 

 

HIDROTERAPIA TERMAL

 

Segundo o experto Jorge Blanco, a hidroterapia termal permite mitigar a dor en pacientes con lumbalxia e acelerar o seu proceso de recuperación debido ás diferentes propiedades das augas mineromedicinais, xunto á temperatura e a presión, a presenza de compostos orgánicos en disolución… Ademais, o exercicio físico na auga fai posible exercitar a musculatura debilitada en ausencia de gravidade. Así, "as diversas técnicas de hidroterapia son recomendables para reducir a dor, a rixidez e a funcionalidade lumbar, logrando unha rehabilitación máis rápida", explicou.

O especialista salientou, así mesmo, que "os medicamentos que se administran para combater as lumbalxias, como antiinflamatorios, derivados da morfina, relaxantes musculares,

paracetamol ou corticoides, non conseguen mellores resultados que a aplicación das augas mineromedicinais". Neste sentido, apuntou que "a balneoterapia se presenta como un tratamento coadxuvante eficaz e que, ademais, posúe a enorme vantaxe de que carece de efectos secundarios".

PACIENTES CON FIBROMIALXIA

A fibromialxia, pola súa banda, é unha enfermidade crónica que afecta, segundo datos da Sociedad Española de Reumatología, ao 2,4% da poboación do Estado, case na súa totalidade mulleres de entre 40 e 49 anos, aínda que os primeiros síntomas poden aparecer entre os 20 e os 40 anos. Preséntase con dor xeralizada en todo o corpo, fatiga crónica, rixidez, alteracións do sono... As súas causas descoñécense, aínda que a comunidade experta opina que podería deberse a unha distorsión da percepción da dor nestes pacientes, que fai que o organismo interprete mal certos estímulos e se perciba a dor como máis aguda.

A doutora Rosa Meijide explicou o valor terapéutico das augas mineromedicinais para pacientes con fibromialxia. "A balneoterapia permite mellorar en boa medida a calidade de vida, redúcense tanto os puntos de dor como a súa intensidade, o cansazo, o sono e mesmo o seu estado emocional, posto que a depresión é habitual nestes casos", indicou.  Nesta liña, engade que "os centros termais son instalacións sanitarias que dispoñen de especialistas médicos que aconsellan sobre as diversas opcións terapéuticas e tamén se ofrece apoio psicolóxico".

SÍNDROME POST-COVID

Doutra parte, o doutor Elías Festa explicou as principais técnicas termais que se aplican na actualidade para combater a dor. Sinalou, así, que "para o deseño dunha estratexia terapéutica en relación co tratamento da dor vía termal se debe ter en conta a súa orixe, é dicir, se é aguda, crónica e se é ou non inflamatoria. Tamén é importante a historia clínica do paciente, por se presenta patoloxías concorrentes ou excluíntes".

No caso particular as persoas con Síndrome Post-Covid, que sofren fatiga crónica, dificultade respiratoria e dor xeralizada, a pauta de tratamento son -segundo o doutor- as inhalacións, os aerosois, o baño de burbullas e a ducha circular. Festa indicou, ademais, que “"dos doentes tratados, todos sentiron unha melloría obxectiva da súa situación previa despois das tres primeiras sesións no balneario".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta